A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

De Heus España celebra o 50 aniversario da súa fábrica do Porriño

De Heus España celebra o 50 aniversario da súa fábrica do Porriño

A fábrica de De Heus na localidade de Porriño (Pontevedra) cumpre 50 anos. Para conmemorar este acontecemento, a compañía celebrará, este sábado día 26, un evento ao que se prevé que acudan ao redor de 150 persoas, entre traballadores, antigos compañeiros e distribuidores.

A xornada festiva arrincará ás 12:30 horas cun acto de benvida a cargo do director comercial en Galicia de De Heus, Daniel Castro, e do xefe de planta, Damián Francisco Suárez. A continuación, realizarase unha visita polas instalacións da fábrica co obxectivo de trazar unha cronoloxía da súa evolución ao longo deste medio século de historia. Ao evento, que concluirá cunha comida de confraternización, espérase que acudan moitos dos distribuidores que a empresa serve desde esta planta de produción.

Unha planta en constante evolución

“Ao longo de todos estes anos realizamos multitude de melloras para adecuarnos aos novos tempos e poder satisfacer, dese xeito, todas as necesidades dos nosos clientes”, sinalou o xefe de planta, Damián Francisco Suárez.

Así, a fábrica foi implementando todo tipo de avances nos últimos anos co obxectivo de aumentar a súa capacidade produtiva. Construíuse un novo almacén en altura cun sistema de xestión de almacéns (SGA); renováronse dúas liñas completas de envasado, unha de 5 kg e 10 kg e outra de 25 kg, con sistemas automáticos de envasado e paletizado que dispoñen de básculas de control, así como un sistema de control de etiquetas -unha das liñas está automatizada con paletizado por robot e, a outra, con manipulador cartesiano-; instauráronse peiraos de carga frontal e lateral con carga directa a camión para facilitar a saída dos sacos; equipouse a planta cun laboratorio con toma de mostras automático e un almacén con toma de mostras; e renovouse todo o sistema de recepción de materias primas na parte traseira da nave.

Todo iso converte á planta de Porriño na referencia peninsular da compañía na distribución das súas marcas Biona e Pasaranda. Esta fábrica está principalmente especializada en penso para avicultura e ruminantes, e parte da produción distribúese a outras plantas que De Heus ten repartidas por España. Todos os seus produtos contan cun gran valor engadido e altas prestacións.

En canto á xornada de aniversario que se celebrará este sábado 26, para o director comercial de Galicia, Daniel Castro, “será un día tanto de celebración como de sincero agradecemento a todas aquelas persoas que fan que día a día podamos continuar apoiando e servindo aos nosos distribuidores e gandeiros galegos”.

“Queremos seguir evolucionando xunto a todos eles neste mercado tan importante para a nosa rexión, ofrecéndolles sempre a mellor calidade e asesoramento da man dos nosos profesionais. A todos vós, que nos acompañades no camiño ano tras ano, moitas grazas!”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *