A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

De Heus continúa a súa expansión en España coa compra da navarra Piensos Muga

De Heus continúa a súa expansión en España coa compra da navarra Piensos Muga

De Heus Nutrición Animal anunciou este mércores a adquisición de Piensos Muga (Tudela-Navarra) que será efectiva a partir do próximo 29 de xuño. A compañía de orixe holandesa, que desembarcou en España no ano 2015, afianza con esta operación o seu liderado no norte de España e suma aos seus dous centros produtivos na Comunidade Foral de Navarra, nas localidades de Orkoien e Lantz, unha nova fábrica de pensos compostos en Tudela.

Fundada no ano 1992, Piensos Muga está especializada na produción e venda de produtos e servizos de nutrición animal e conta cunha capacidade técnica de 80.000 toneladas anuais. Ao longo destes 18 anos, a empresa foi medrando até dispor dunhas instalacións de 30.000m² de superficie situadas no Polígono Industrial Las Labradas, en Tudela. Neste espazo desenvolve a súa produción de pensos multiespecie, contando cunha área para a recepción de materias primas cunha capacidade de 30 silos, e empregando as tecnoloxías máis avanzadas para a automatización de procesos. O persoal actual de Pensos Muga integrarase na súa totalidade no equipo de De Heus, composto por preto de 425 traballadores.

Desde De Heus destacan a solidez da empresa tudelana, á que consideran un referente rexional pola calidade dos seus produtos e servizos técnicos dirixidos a rumiantes, así como pola alta cualificación do seu persoal no seu servizo de asesoramento a clientes. Ademais, Piensos Muga posúe a certificación da Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac), que garante a rastrexabilidade e a seguridade alimentaria dos seus produtos.

Jean-François Honoré, director xeral de De Heus Iberia, afirma que “esta adquisición reforza a nosa estratexia de servir aínda mellor aos gandeiros da rexión, coa axuda dun equipo local de profesionais altamente capacitados ao que se sumará a tecnoloxía e experiencia internacional de De Heus. As rexións de Navarra, A Rioxa, País Vasco e Aragón son áreas de gran relevancia no que respecta ao sector gandeiro e desde De Heus queremos contribuír a un sector agropecuario sólido, integrando a innovación e o benestar animal”.

“Coa compra de Pensos Muga, De Heus consolida a súa capacidade de brindar o mellor servizo ao cliente, que é en definitiva o obxectivo polo que traballamos cada día. Ao mesmo tempo, establécense sinerxías moi positivas coas plantas de produción de Orkoien e Lantz, que incorporamos a De Heus con gran éxito en 2018. O noso obxectivo é seguir medrando da man dos nosos clientes no norte de España”, destaca Honoré.

Jorge Pérez, director da rexión centro de De Heus e responsable do equipo de integración, puntualiza que o obxectivo da compañía é “incorporar a cultura corporativa, a filosofía de traballo, os criterios de sustentabilidade e estándares de calidade produtivos ao novo equipo”, que pasará a formar parte de De Heus.

Pola súa banda, Juana Mari Beunza, quen tamén forma parte do equipo de integración e conta cunha longa experiencia no sector pola súa traxectoria en Piensos Unzué, expresa a súa satisfacción: “Alégrame moito constatar a vontade e aberta disposición de De Heus para integrarse e colaborar co tecido agrogandeiro de Navarra e rexións limítrofes, así como a súa decidido aposta e compromiso co desenvolvemento do sector gandeiro local”-

Sobre Royal De Heus

Royal De Heus é unha empresa multinacional fundada en 1911, que durante catro xeracións foi propiedade e estivo administrada pola familia De Heus. A compañía creceu até converterse nun dos principais actores da industria de pensos compostos a nivel mundial.

Posúe instalacións propias en Holanda, Vietnam, Brasil, Polonia, República Checa, Serbia, España, Portugal, Sudáfrica, Myanmar e India; e alianzas estratéxicas en Exipto, Etiopía, Rusia e China, o que lle permitiu alcanzar unha posición de liderado a nivel mundial. Ademais, Royal De Heus opera en máis de 75 países mediante a exportación de concentrados e premezclas, principalmente a Europa do Leste, África, Medio Oriente e América do Sur. A compañía conta na actualidade con 7.000 empregados.

En España, De Heus está presente en practicamente todo o territorio nacional a través dos seus 13 centros de produción e preto de 425 empregados. Posúe unha capacidade produtiva superior ao millón de toneladas anuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *