A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

De Heus alcanza o fito dos 10 millóns de toneladas de penso producidos nun ano

A compañía supera esa cifra por primeira vez nos seus 110 anos de historia e celébrao agradecendo a confianza dos seus clientes ao redor do mundo e o esforzo de todos os seus empregados.

De Heus Nutrición Animal alcanzou o fito dos 10 millóns de toneladas de penso producidos globalmente nun ano por primeira vez nos seus 110 anos de historia. A compañía prevé superar os 12 millóns de toneladas a finais deste ano.

“Este acontecemento nunca foi o noso obxectivo real; por iso dicimos que é algo máis que un simple número. É o resultado de todos os esforzos que fixemos na última década para aumentar a nosa contribución a unha alimentación sa, segura e alcanzable para unha poboación mundial en crecemento. Comprometémonos a iso durante máis de cen anos”, manifestaron os CEOs do grupo, Co e Koen De Heus.

Desde a compañía queren agradecer a confianza mostrada polos seus clientes ao redor do mundo e tamén o esforzo de todos os seus empregados, os dous alicerces sobre os que se sustenta a marca alcanzada.

“Estamos orgullosos de traballar xunto aos nosos produtores de carne, peixe, leite e ovos, axudándolles a mellorar os seus negocios e achegando progreso ao sector”, sinalaron. “A nosa presenza local en todo o mundo e estar preto dos gandeiros e poder axudarlles e apoiarlles, é a clave definitiva do noso éxito. Sabías que os empregados de De Heus visitan miles de granxas cada día? É esa presenza local a que nos permitiu crecer até ter un impacto global. Iso é o que celebramos hoxe”.

Os CEOs apuntan que “é un gran momento para mirar cara ao futuro e contemplar como se relaciona este acontecemento coa nosa misión como empresa”. “Antes de facelo – engaden,- sería apropiado pararse a pensar en que isto se produce nun contexto de importantes problemas políticos e sociais en todo o mundo. Algúns dos países nos que operamos están a loitar contra a guerra, a escaseza de alimentos, as protestas e moito máis. Estamos orgullosos dos nosos compañeiros, que se ocupan dos desafíos que xorden no medio de toda esta axitación. É impresionante ver como os empregados traballan unidos resolvendo todos estes problemas e garantindo que podamos seguir ocupando unha posición destacada na cadea de subministración de alimentos”.

As fábricas españolas uníronse tamén á xornada festiva que De Heus convocou nas súas instalacións de todo o mundo para conmemorar o fito conseguido e celebrar, desta maneira, a tonelada 10 millóns.

Para o director xeral de De Heus España, Jesús Sierra, a consecución deste récord “é un acontecemento importante non pola cifra, senón polo crecemento e a consolidación de De Heus como un dos principais produtores de penso a nivel mundial. Achegar valor ao sector da produción e colaborar no desenvolvemento das comunidades rurais é parte da nosa misión e da nosa responsabilidade como empresa”.

A unidade de negocio española, con máis de 400 traballadores e máis de 800 distribuidores, é “moi importante para a empresa a nivel global” e parte esencial no fito alcanzado. “Tamén queremos agradecer e celebralo cos nosos gandeiros, transportistas, provedores e, en xeral, con todos os colaboradores que o fixeron posible”, sinala Sierra.

Sobre os próximos desafíos da compañía, o director xeral de De Heus España considera que, “nesta contorna tan cambiante e volátil, os retos xorden cada día. Debemos estar preparados para facer fronte a esta nova realidade e ser capaces de seguir achegando valor ás nosas comunidades cada día”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *