De Barcelona a Samos para ser gandeiro de cabra e ovella galegas

Visitamos a gandería de Alberto Santín, un mozo que hai oito anos decidiu cambiar a súa Barcelona natal polas terras de Samos para dedicarse á gandería nun monte veciñal. Hoxe manexa un rabaño de máis de 300 cabezas de cabras e de ovellas de raza Galega e valora moi positivamente a súa decisión

De Barcelona a Samos para ser gandeiro de cabra e ovella galegas

Alberto Santín co seu rabaño de Cabra Galega

Crear a súa propia explotación gandeira nun modelo en contacto coa natureza e sustentable dende o punto de vista económico e ambiental. Esta foi a ilusión que levou a Alberto Santín González a mudar as ramblas de Barcelona polo concello lucense de Samos. Hoxe o seu proxecto xa é unha realidade consolidada, cunha gandería de máis de 300 cabezas de ovella e cabra de raza Galega no monte veciñal da Toca.

“Os meus pais son dos Ancares pero nacín e crieime en Barcelona, onde estudei Técnico agrícola e traballei nunha explotación de vacún de leite de mais de 2.000 vacas”, explica este mozo gandeiro de 40 anos que tamén é presidente da Asociación de Gandeiros da Raza Cabra Galega (Capriga).

¿E que o levou a cambiar un emprego estable nunha gandería altamente intensiva por algo ben diferente como a gandería extensiva de ovino e cabrún? “Quería facer un proxecto propio de gandería e decidinme polo ovino e o caprino de carne porque me parecía o máis sinxelo”, asegura.

Así, no 2008 mudouse coa súa parella a Lugo e comezou a buscar unha superficie que se adecuara ao que tiña en mente. “Quería realizar o mínimo investimento e montar a explotación de xeito sinxelo e rápido”, explica. A casualidade fixo que un funcionario do Fogga de Lugo lle aconsellara pórse en contacto cunha explotación que se axustaba ás súas características: unha gandería situada nun monte veciñal na aldea da Toca (Samos), dunhas 70 hectáreas, das que 45 están cercadas, e que os veciños querían alugar.

“Elixín cabra e ovella de raza Galega porque son as que mellor aproveitan os recursos”

“Foi unha moi boa coincidencia -recoñece-, entendinme moi ben cos veciños dende un principio: compreilles o rabaño de cabras e ovellas que tiñan e aluguei terreos, cortes e parte da maquinaria por un período de dez anos prorrogables”.

Hoxe este gandeiro manexa un rabaño de 200 ovellas de raza Galega e 130 cabras tamén de raza autóctona. A súa elección destas razas debeuse a un motivo económico: “son as máis rústicas, as que mellor se adaptan ao noso terreo e á idea que tiña: investir o mínimo na compra de alimentos para o gando e que este se mantivera co pasto e coa vexetación arbustiva do monte”.

Así, agás uns poucos días nos que paren, cabras e ovellas pasan todos os días no mato e nos prados, dende primeira hora da mañá ata última da tarde. “Recólloas para previr o ataque dos lobos, senón tamén quedarían de noite fóra”, asegura Alberto.

A base da alimentación das ovellas é o pasto, e no caso das cabras tamén a uz e a carqueixa, e en menor medida o toxo. No outono o rabaño tamén aproveita as castañas das 15 hectáreas de soutos abandonados que hai ao lado das cortes.

Concentra os partos na primavera e as vendas nos meses de verán

 

Nesta gandería Alberto control de cubricións, que programa para finais do mes de outubro coa finalidade de que os partos se concentren nos meses de primavera, cando hai máis alimento nos prados e no monte. Tralo parto, -unha media de 1,5 crías por cabeza reprodutora- tanto cabras como ovellas permanecen estabuladas uns 15 días nas parideiras, onde reciben unha ración a base de herba seca e cebada en grao, o único alimento para o gando que adquire Alberto.

Os años saen coas ovellas a pacer aos 15 días de vida, mentres que os cabritos permanecen nos cortellos. “Os vellos dicían:`O año no monte e cabrito na corte´ e penso que non se equivocaban porque deste xeito o cordeiro colle menos graxa e o cabrito colle algunha e di máis tenro”, explica.
O pastoreo é rotacional e na súa labor axúdase doutro “rabaño”: 4 mastíns que, segundo recoñece, “ata o de agora foron o medio máis eficaz para defender ovellas e cabras fronte aos ataques dos lobos”.

Comercialización

En canto á comercialización, a programación de partos fai que as vendas se concentren entre os meses de maio e agosto, vendendo años e cabritos con entre dous e tres meses e un peso medio de 8 kilos.

A venda realízaa tanto directamente a particulares como, sobre todo, a través de dous carniceiros de Sarria e de Monforte de Lemos. “O que máis valoran os clientes é o sabor e a tenrura da carne, coa graxa xusta e sen o sabor a bravú que teñen a veces os cordeiros de fóra”, destaca Alberto.

“Os clientes valoran o sabor e a tenrura da carne”

Outra fonte de ingresos complementaria é a venda de recría, sobre todo de Cabra Galega, comercializando unha media dunhas 20 cabritas ao ano. “É unha raza da que estou namorado pola súa rusticidade e produtividade, con boa capacidade leiteira e coa ubre recollida. Deixan o mato recortado como auténticas xardineiras”, asegura orgulloso.

Demandas á administración: pastos arbustivos e matadoiros caseiros

Ao igual que moitas outras explotacións situadas en zonas de montaña, a de Alberto foi unha das prexudicadas pola supresión das axudas da PAC para os pastos arbustivos e baixo arborado decidida polo goberno da Xunta de Galicia. “Aquí fixeron unha interpretación moi restritiva, cando cabras e ovellas aliméntanse destes pastos arbustivos e preveñen incendios”, lamenta Alberto, que demanda unha rectificación “para evitar o abandono e facilitar que a xente nova se incorpore”.

“A lexislación europea permite os matadoiros caseiros, non entendendo porque aquí non se autorizan”

Outra das súas demandas é a autorización de matadoiros caseiros. “Actualmente -explica- teño que ir matar a Taboada ou a Monforte, a matadoiros que son sobre todo de bovino e que sacrifican ovino ou caprino cando poden e a un custo que non é competitivo, unha media de 12 euros por animal cando en Cataluña pode valer menos de 1 euro”. A solución que propón é que se autoricen por parte da Xunta pequenos matadoiros nas propias explotacións, “algo que permite a lexislación da Unión Europea, porque noutros países si os hai, e que suporía vantaxes para todos”, subliña.

Como conclusión, Alberto Santín valora este oito anos como gandeiro como “moi positivos” e sitúa a clave do seu éxito en “non meterme en grandes investimentos, tendo só o número de cabezas de gando que podo manter cos recursos do propio entorno: pasto e matogueira”. O seu próximo obxectivo: aumentar o rabaño de cabras ata as 200 cabezas para igualalo co de ovellas. “E aí me quedarei, que non é pouco”, conclúe.

Ovellas e cabras pacendo

2 ideas sobre “De Barcelona a Samos para ser gandeiro de cabra e ovella galegas

  1. Angel Luis García Fernandez

    Buenos días,
    quiero comprar oveja gallega de montaña ( son las mas pequeñas) para jardín, no sé si se pueden vender para particulares, pero sería bueno para su expansión y desarrollo como se hace con la pureza de las razas de perros.
    Un saludo.
    Angel Luis

    Contestar
    • campogalego

      Buenos días Ángel:
      Te recomiendo que llames a Boaga (Federación de Razas Autóctonas de Galicia) al 634 54 86 00
      Un saludo

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información