“Dar un tratamento contra o mildio con máis dose da recomendada supón máis contaminación e menor eficacia”

Entrevista a Rosa Pérez Otero, técnica encargada dos avisos fitosanitarios na Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Publicidade
 Rosa Pérez Otero. Foto: Cedida

Rosa Pérez Otero. Foto: Cedida

A Estación Fitopalóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emite semanalmente un aviso fitosanitario onde analiza a situación sanitaria das viñas provincia, e ofrece unhas recomendacións para previr enfermidades na viña.

Falamos coa responsable técnica dos avisos, Rosa Pérez Otero, sobre a situación do mildio este ano e as súas recomendacións para combater e previr deste patóxeno.

-Está habendo moito máis mildio este ano nas viñas que os últimos anos? Por qué?
Considero que non está habendo máis mildio este ano que en outros anos húmidos.

-A estas alturas do ano é normal a incidencia de mildio que está habendo?
En realidade este ano tivemos unha primavera e un inicio de verán nos que non terminaba de estabilizarse a climatoloxía, aínda que estamos xa a finais de xullo, e coas condicións que houbo e hai é normal que haxa mildio.  

-A que variedades notades que lle afecta máis?
As nosas parcelas de seguimento son maioritariamente de albariño; en calquera caso, en xeral as brancas son máis sensibles que as tintas, e dentro das brancas tamén hai graos.

-A ubicación dos viñedos é clave para reducir a afectación, así como o desfollado e o control da herba, non si?
O patóxeno vese favorecido por condicións de humidade elevada e temperaturas suaves-altas. Por iso, calquera factor que favoreza estas condicións, como son as viñas pouco ventiladas e con exceso de frondosidade e/ou coa cuberta acompañante demasiado alta, son moi propicias. 

-En que condicións climatolóxicas deberiamos aplicar os tratamentos para mellorar a súa eficacia?
As condicións ideais son ausencia de choiva, loxicamente, de vento, e temperaturas suaves. Ás veces, coma nalgunhas ocasións ao longo desta campaña, cumprir estas condicións ao unísono é difícil.

-O tipo de equipos aplicadores e a preparación do caldo tamén inflúen moito na eficacia. Que recomendarías neste sentido?
Considero que é fundamental ter o equipo de aplicación sempre en boas condicións a nivel de todos os seus compoñentes, incluso aqueles que non estean obrigados a pasar a inspección técnica regulada por lei.

“Dar un tratamento contra o mildio con máis dose da recomendada supón máis contaminación e menor eficacia”

Canto á preparación do caldo, avanzamos moito neste sentido, pero aínda quedan persoas que descoñecen cal é a orde correcta para facelo, onde facelo e en que condicións facelo. E, por suposto, que aínda poden superar a dose máxima da etiqueta, o que non só é desaconsellable senón tamén un problema para todos, pois implica maior contaminación do medio ambiente e, aínda que pareza mentira, menor eficacia.

-Aínda que agora xa está avanzada a campaña, cando deberiamos empezar a tratar para previr o contaxio e a proliferación do mildio nas viñas?
Depende. Non é o mesmo que sexa unha campaña na que o inverno anterior fora seco e frío e a primavera estea comezando do mesmo xeito que sE é un ano coma este, con tanta precipitación e temperaturas suaves. No primeiro caso debería esperarse á detección da primeira mancha; no segundo, aínda que antes opinaba o mesmo, nos últimos anos penso que hai que dar o primeiro tratamento cando o período de incubación da primeira infección primaria do patóxeno aínda non teña rematado.

-Que materias activas se aconsellan nun primeiro tratamento?
O primeiro tratamento aplícase nun momento en que a viña está empezando o seu desenvolvemento, polo tanto en convencional unha sistémica. Pero tamén depende de se a primavera está sendo seca ou se as variedades non son moi sensibles ao mildio, en cuxo caso poderíase aplicar unha penetrante e deixar as sistémicas, que teñen maior risco de resistencias, para períodos de climatoloxía máis inestable.

-E nesta época, na que mesmo algunhas viñas en zonas máis cálidas de Galicia xa empezan con envero, cal serían as materias activas recomendadas?
Nesta época normalmente se aplican tratamentos a base de cobre porque este elemento favorece o endurecemento da peel da uva, o que pode axudar a previr podres, e tamén favorece o agostado da madeira. Pero tamén se poden aplicar outros produtos como aqueles que se fixan ás ceras cuticulares ou algúns naturais que funcionan como sistémicos. Pero as recomendacións dependen tamén da climatoloxía ou do historial sanitario da parcela na campaña.

-En que medida está sendo un problema a retirada de materias activas para combater as enfermidades fúnxicas?
Máis que a retirada, porque aínda quedan varias e siguen saíndo produtos novos ao mercado, considero que é a limitación no número de aplicacións por materia activa o que causa maiores problemas.

-Estase abusando do número de tratamentos contra o mildio? É suficiente o control por parte da administración?
En determinadas campañas ou en determinados momentos dalgunhas campañas está claro que hai un abuso, porque ás veces se fan aplicacións reiteradas sen xustificación e se mesturan diferentes produtos antimildio sen criterio. A Administración creo que fai o que pode para controlalo, pero é complicado.

-Que medidas considera que habería que aplicar para ir a unha viticultura máis sustentable en Galicia, reducindo o uso de antifúnxicos?
Considero que é necesaria a investigación para seguir desenvolvendo estratexias de control o máis eficientes posible, con modelos como ferramentas de apoio á toma de decisións, para obter materias activas máis eficaces co menor impacto posible no medio ambiente, para mellorar as variedades autóctonas sen perda de calidade nos viños, etc. Entre tanto, dispoñemos de medios para ir conseguindo un viñedo máis sustentable, como son realizar un bo manexo das resistencias alternando materias activas con diferentes modos de acción, introducir funxicidas naturais en momentos de menor risco e, xa por sentido común, integrar de forma xeneralizada outras medidas como manter as plantas o máis fortes posible, as cubertas vexetais ben segadas ou realizar un bo control da frondosidade das cepas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información