Dan por perdida a colleita de cereal de inverno na Limia debido ás intensas choivas

Publicidade
Dan por perdida a colleita de cereal de inverno na Limia debido ás intensas choivas

O trigo empeza a amarelar ao estar as fincas asolagadas.

Os agricultores da Limia dan por perdida a colleita de cereal de inverno na comarca debido ás intensas choivas destas semanas, que asolagaron os cultivos. Neste sentido, a Asociación de Produtores de Pataca da Limia demanda aos concellos da comarca, a principal produtora de cereal de Galicia, que soliciten a declaración de zona catastrófica e tamén que en coordinación con outras administracións se poña en marcha un plan de limpeza dos canais de regadío e dos cauces dos ríos para que se poda realizar en tempo a sementeira da pataca.

Segundo Amador Díaz Penín, presidente da asociación, “un 70% do cereal de inverno a día de hoxe está encharcado e perdido”. Ante esta situación, presentaron nos concellos da comarca da Limia un escrito no que instan aos concellos a que declaren a zona catastrófica, para que os afectados podan acceder a axudas. “Todos os concellos amosáronse favorables e esperamos que a aproben nos próximos plenos”, asegura Amador Díaz.

Ademais, a Asociación de Produtores de Pataca da Limia presentou dúas solicitudes dirixidas á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para que realicen un plan de limpeza dos canais de regadío e das cunetas na Limia.

“As fincas están asolagas e a auga está encorada, de tal xeito que para poder acceder a elas ten que transcorrer moito tempo, o cal vai retrasar a sementeira dos distintos cultivos, repercutindo moi negativamente nos agricultores”, explican dende a asociación.

A sementeira da pataca atrásase polo menos un mes

A este respecto, Amador Díaz Penín estima que “se parara de chover hoxe, aínda que as previsións dan choiva para a próxima semana, faría falta agardar 20 días para entrar as fincas coa maquinaria”. Así, a sementeira da pataca, o cultivo estrela da comarca, prevese que se atrase ata mediados de maio, “se para de chover a mediados deste mes”. É dicir, comezaría a plantarse con arredor dun mes de atraso respecto á data habitual, que comeza a mediados de abril.

A isto úneselle o problema da semente, “xa que moitos agricultores xa a teñen mercada, e está xermolando, co que perde forza, e iso repercute nunha mingua da produción”, asegura o presidente da asociación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información