“Dairylac dános ós gandeiros un futuro que antes non tiñamos”

O presidente da cooperativa Codeira, Iván García, analiza os movementos que están a dar os produtores para implicarse na industrialización do seu leite. “O ideal sería que todo o cooperativismo galego se unise nun mesmo proxecto”, valora.

“Dairylac dános ós gandeiros un futuro que antes non tiñamos”

Instalacións da cooperativa Codeira, en Portomarín.

A cooperativa Codeira (Portomarín, Lugo) incorporouse hai un ano ó proxecto de Dairylac coa idea de buscar un futuro mellor para os seus socios. Integran a cooperativa unha trintena de explotacións da zona centro de Lugo, todas elas granxas con vocación de continuidade e cunha produción media que ronda os 375.000 quilos ó ano. Falamos co presidente de Codeira, Iván García, para coñecer a súa valoración sobre Dairylac.

O proxecto de Dairylac, no que participa tamén a cooperativa Icos (Chantada, Lugo), arrancou hai un ano na planta que xa ten en marcha a sociedade en Melide, na que está a elaborar unha gama de produtos orientada á hostelería e repostería (manteca, nata, leite pasteurizado, etc.). Estes días, Dairylac emprendeu a construción dunha torre de secado de leite e soro, e aspira tamén a introducirse en breve na elaboración de queixos para o mercado estatal e para exportación.

“Ás industrias lácteas non lles interesa o cooperativismo. Xogan a divide e vencerás”

Levades un ano en Dairylac, pódese dicir xa que as cousas cambiaron para mellor na cooperativa ou aínda é cedo para facer unha valoración?
– Se non aparecese o proxecto de Dairylac, o futuro da cooperativa era complicado, así de claro. En Codeira, somos primeiros compradores de leite e antes de entrar en Dairylac, viñamos vendéndolle o leite dos socios ás industrias, pero desde hai un par de anos estaban pagándonos prezos moi baixos.

A industria coa que traballabamos chegou a ofrecerlle por fóra a socios nosos ata 5 céntimos máis por litro do que nos pagaba a nós polo leite posto en fábrica. Ultimamente, na primavera e verán do ano pasado, xa non tiñamos onde colocar o leite a prezos razoables. Tiñamos ofertas a 15 céntimos, algunha ademais de dubidoso pago.

Iván García, presidente de Codeira.

Iván García, presidente de Codeira.

Cres que en momentos de crise, hai unha estratexia das industrias para penalizar ás cooperativas primeiro compradoras de leite?
– A nós desde logo estábannos machacando. Desde as industrias traballan coa idea de divide e vencerás. Hai unha estratexia para desmontar o cooperativismo porque non lles interesa.

Entón a decisión de unirse a Dairylac foi fácil.
– Cando xurdiu o proxecto de Dairylac, tivemos reunións coa Consellería, coa cooperativa Icos e coa dirección de Dairylac e démonos de conta de que era un proxecto serio. Miramos ben os números e vimos tamén que o presidente da compañía, o xerente e o encargado de planta son profesionais reputados e independentes, que era algo importante para nós, logo da experiencia que tivemos en Alimentos Lácteos.

“Miramos ben os números do proxecto e tamén valoramos que os directivos da compañía fosen profesionais reputados e independentes”

Tras o fracaso de Alimentos Lácteos, non estaban os socios da cooperativa reticentes a entrar noutro proxecto industrial?
– Ó contrario. As malas experiencias danche a posibilidade de correxir. Tivemos unha asemblea na que se explicou ben o proxecto e as cifras. Dairylac sáese do que viña sendo o tradicional en Galicia, a liña de envasado de leite, que é un mercado en retroceso e dominado nos supermercados polos briks a baixos prezos. A idea de Dairylac é apostar por novos productos, copiar a estratexia das grandes cooperativas de Holanda ou Dinamarca. Logo de coñecer o proxecto, o apoio dos socios foi total e unánime.

Esta primavera, a outra cooperativa que participa en Dairylac, Icos, pasou unha situación de prezos do leite complicada. En tanto Dairylac non industrialice maiores volumes, a cuestión do prezo do leite segue a ser un problema?
– En Dairylac faltan partes clave por acometer, pero aínda así, en Codeira podemos dicir que xa estamos cobrando prezos superiores ós que se pagan ó redor. Agora mesmo estamos vendéndolle a Dairylac e a unha queixería, e as explotacións están cobrando unha media de 27 céntimos máis calidades máis Ive, coa perspectiva de ir subindo tódolos meses ata os 29 céntimos. No intre en que sobe o mercado, Dairylac non se queda cos cartos. Trasládanos os beneficios. Non é como outras industrias, que envían as súas plusvalías fóra.

“No intre en que sobe o mercado, Dairylac non se queda cos cartos. Trasládanos os beneficios, non envía as plusvalías para fóra”

Cres que o camiño do cooperativismo galego pasa por implicarse máis na industrialización do leite?
– É algo básico. Para nós, o máis importante de estar en Dairylac é a posibilidade de medrar. Dános un futuro e unha estabilidade que antes non tiñamos. Se vendes o leite en cisternas sen transformar, estás suxeito ós vaivéns do mercado e en ciclos de crise podes ter problemas para colocar a produción. En Dairylac iso non vai pasar.

O beneficio que esperamos do proxecto é dobre. Por un lado, a empresa aposta por lograr maiores marxes de beneficio para o leite e por repartir esas gañancias cos gandeiros. Por outro lado, nós como cooperativa temos unha participación en Dairylac e beneficiarémonos dos futuros retornos da industria. Tamén estamos estudiando que os nosos socios poidan aportar capital directamente a Dairylac coa mesma idea, que obteñan rendas a partir dos beneficios da compañía.

“Estamos valorando que os socios poidan aportar capital directamente ó proxecto, de xeito que obteñan rendas a partir dos beneficios da compañía”

Cres que sería de interese que o proxecto de integración no que traballan Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas se implicara en Dairylac?
– Feiraco, Os Irmandiños, Xallas e Melisanto teñen as portas abertas. Se puideramos estar todas as cooperativas galegas nun mesmo proxecto, dun ou doutro xeito, sería perfecto. En calquera caso, o proxecto de integración destas catro cooperativas véxoo complementario e por que non colaborar máis adiante.

Unha das cousas que nos gusta do noso proxecto é que está aberto a todas as cooperativas, sen que se fixara unha aportación mínima de participación. Hai cooperativas que xa están colaborando con Dairylac, entregando o leite e con perspectivas de asociarse no futuro.

“Quizais o cooperativismo non tivese ata agora boa prensa a nivel do agro por estar mal enfocado”

Quizais o cooperativismo non tivese ata agora boa prensa a nivel do agro por unha cuestión de enfoque. As cooperativas, máis que funcionar como colocadoras do leite, temos que orientarnos a vender o produto dos socios ó maior prezo posible e a ofertar insumos ó menor custo. Dentro diso, a cooperativa tamén ten que ter beneficios para poder executar proxectos ou para contar con reservas se veñen mal dadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información