A gandería Mantono Holstein, na Ínsua, en Barreiros, acolleu este martes unha das últimas actividades formativas da cuarta edición do programa Da Escola á Granxa, organizado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Medio cento de alumnas e alumnos de infantil e primaria do CEIP de San Miguel de Reinante, no mesmo concello de Barreiros, participaron na actividade da man da ANPA, unha das 73 asociacións de nais e pais de toda a provincia que se sumaron á cuarta edición do programa, pensado para achegar as novas xeracións á actividade agrogandeira.
Da man de Saúl Dorado, as nenas e nenos coñeceron o día a día desta granxa familiar de leite, con máis de 240 animais -máis de 100 en muxido – recoñecida en diferentes certames polo seu traballo de selección e mellora xenética e cunha produción orientada á elaboración de queixos de Entrepinares.
O deputado de Rural Daniel García e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida seguiron de preto a actividade na que as nenas e nenos coñeceron as características do establo, o funcionamento da sala de muxido ou as condicións en que se conserva o leite ata a súa recollida, ademais de degustar algúns dos queixos que se elaboran con el.
Daniel García valorou o desenvolvemento da cuarta edición do programa que “pecharemos con máis de 200 actividades realizadas e coa participación de preto de 7.000 nenas e nenos de infantil e primaria de toda a provincia”
O responsable provincial agradeceu “a colaboración das granxas que se sumaron ao proxecto, así como das anpas e dos colexios que deciden incorporar estas actividades á aprendizaxe das súas fillas e fillos”, Nesa liña remarcou, remarcou que “as nenas e nenos teñen que ter referentes e vivencias positivas para que vexan a actividade agrogandeira como un opción de futuro, que é o que pretendemos con este programa”.
Ana Ermida subliñou a importancia da produción agrogandeira no concello, “unha labor fundamental para a economía pero tamén socialmente” e incidiu “no recoñemento ás ganderías do concello, que levan moitos anos traballando e que tiveron a capacidade de adaptarse aos tempos”.
A cuarta edición do programa Da Escola á Granxa contou coa participación de 45 granxas repartidas por toda a provincia e dedicadas a actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar, a produción de leite ou a elaboración de queixos e marmeladas. As granxas configuran a oferta formativa do programa, dirixido a anpas de centros educativos de toda a provincia, que reciben financiamento para o desprazamento. O programa pechará a finais de ano cun total de 200 actividades realizadas e a participación de máis de 7.000 alumnos e alumnas de infantil e primaria.
Galego









Control OJD