A Semana Gandeira de Mazaricos 2024 vén de comezar. O concello volve reivindicarse como capital leiteira de Galicia, con 137 millóns de litros producidos durante 2023, cun evento que agrupa a profesionais do sector e que achega ao conxunto da sociedade a experiencia e o traballo do mundo gandeiro.
Durante toda esta semana, as rapazas e os rapaces dos centros de ensino de Mazaricos visitarán explotacións gandeiras de referencia en Galicia, como son a gandería Os Loureiros de Vimianzo ou a Casa Grande de Xanceda. A visita a esta última, unha granxa ecolóxica no municipio de Mesía con fábrica de produtos lácteos, terá lugar mañá, martes 26. A de Os Loureiros, unha explotación que destaca por facer uso da innovación tecnolóxica, ao día seguinte, o mércores 27.
Chegada a fin de semana, o recinto Feiral da Picota será a sede de dous días de celebración e actividades. Ademais, tanto o sábado como o domingo acollerá unha exposición agraria e de servizos.
O sábado pola mañá terá lugar unha Mesa Redonda Virtual que analizará o estado do sector lácteo. Posteriormente, ás 12h da mañá, haberá unha Gran Sesión Vermuuuuu amenizada por DJ Rokiño.
Durante a tarde do sábado entregaranse os premios do concurso de fotografías por whatsapp e do de postres lácteos. Os premios incluirán ceas en establecementos de hostalería mazaricáns ou vales de compra no comercio local.
Xa o domingo, 1 de decembro, o recinto feiral acollerá unha nova Poxa de Gando Frisón Memorial José Moreira, onde novamente se acadarán altas cifras de negocio por exemplares desta raza vacúa, congregando a varios centos de persoas. Ademais, un ano máis, repártense máis de 2.000 euros en premios entre as persoas asistentes.
A Semana Gandeira de Mazaricos está organizada en colaboración entre o Concello, Gandeiros de Mazaricos e Africor. O evento é posible tamén grazas á colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, así como o patrocinio de Abanca.