Marcos Nogueiras Rodríguez é un novo agricultor de Vilar de Santos, na comarca ourensá da Limia, que no 2014 cambio unha prometedora carreira como enxeñeiro industrial por tomar o relevo na explotación agrícola familiar. Unha decisión que non foi comprendida nun comezo polo seu entorno pero da que hoxe considera que foi totalmente acertada: “Chamáronme tolo pero hoxe gaño máis do que percibiría como profesor, e sobre todo, traballo na miña terra e son dono do meu tempo”. Falamos con el para coñecer a súa historia da que falou recentemente nunha xornada sobre relevo xeneracional no agro organizada polo Foro Económico de Galicia.
-Cóntanos como é a túa explotación a día de hoxe?
É unha explotación familiar, na que traballo eu e a miña nai, coa colaboración puntual do meu pai, a miña muller e persoal contratado para os momentos de máis traballo. Está situada no concello de Vilar de Santos, nunha zona incluída dentro da Reserva da Biosfera da Área de Allariz. Traballamos entre 45 e 50 hectáreas e decicámonos principalmente ao cultivo da cebola chata do país, tamén coñecida como cebola de Betanzos, e de patacas incluídas dentro da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, tanto kennebec como agria. Como rotación a estes dous cultivos plantamos cereal, tanto trigo, como centeo e cebada. Nas fincas nas que semento pataca non solemos plantar cebola ao ano seguinte porque nacen moitas patacas das que quedaron na finca e logo é un problema importante para controlalas.
Do terreo que traballamos soamente un 10% é en propiedade e o resto son fincas arrendadas de veciños e veciñas que foron deixando a actividade agrícola, e polas que, como se fai en boa parte da comarca da Limia, se paga un arrendo en especie (cebolas, patacas para o ano) e en servizos (laboreo das hortas familiares..etc).
A maior parte da superficie que temos é en secaño, e as poucas que temos en regadío dedicámolas ao cultivo da pataca agria, que é menos tolerante á seca que a kennebec, aínda que tamén sementemos cebola nas fincas en regadío.
-A sementeira da pataca este ano en moitos lugares foi complicada. Tamén no teu caso?
Si, en xeral na Limia foi complicada porque choveu moito e houbo que facer unha sementeira moi tardía, e incluso algunhas fincas asolagáronse despois de plantar a pataca e houbo que volver resementalas. Posteriormente, o tempo para o cultivo foi bo, con pouca incidencia de mildio. A isto temos que sumar que a semente este ano escaseou, foi moi cara e viña mal calibrada.
No meu caso conseguimos sementalas a principios de abril, en tempo, e neste momento o estado sanitario é bo e prevese unha boa colleita.
-Que producións ves logrando nun ano normal?
Como digo, facemos rotación anual con cereal, un cultivo pouco rendible e que facemos máis ben por sanidade do solo. O noso forte é a cebola e a pataca.
De pataca vimos plantando unhas 12 hectáreas, das que sacamos entre 400.000 e 500.000 kilos e de cebola arredor de 3,5 hectáreas das que logramos arredor de 150.000 kilogramos.
Este ano preveo empezar a colleita tanto de pataca como de cebola arredor do 10 de agosto, algo que é inusual nesta zona onde o normal é recollelas en setembro. No caso das patacas empezarei a arrancar soamente para venda, mentres que as que van para gardar esperarei a setembro porque precisan máis curación na terra para que se conserven ben ao longo do ano.
-Cales son as vías que empregas para a comercialización?
Parte da pataca comercialízoa baixo contrato cun almacenista, Patatas Gándara, cun prezo pactado previamente. Pero a maior parte, véndoa directamente a supermercados e cadeas de froiterías (Frutas Nieves, Frutas Sol, Horsal..etc). Este ano prevese que volva ser un ano con bos prezos, fálase de que están chegando en orixe a 0,80 e 0,90 o kilo porque hai menos produción.
En canto á cebola ten un prezo máis estable. Nós arrancámola con máquina e deixámola entre 4 e 5 días na leira para que seque, aínda que últimamente estamos tendo problemas de roubos nas fincas. Logo apañámola tamén con máquina e almacenámola en caixóns de madeira nunha nave con ventilación controlada para garantir a súa conservación.
Tanto para a cebola como para a pataca temos todo o proceso de cultivo mecanizado para mellorar a produtividade e, sobre todo, porque nos permite facer os traballos agrícolas cando realmente hai que facelos, sen riscos de que se perda o cultivo porque choveu polas cebolas ou polas patacas e non tiñas quen as apañara. Únicamente contratamos a recoleción do cereal.
Arredor de 300.000 kilos de pataca e os 150.000 kg de cebola comercialízámola nós a distribución dende agosto ata marzo, aproximadamente. Envasámolas nós e enviámosllas aos nosos clientes, que principalmente se atopan nas cidades e nas vilas da costa de Galicia. É certo que nos require máis man de obra pero logramos máis beneficio por kilo tanto de pataca como de cebola. As cebolas envasámolas en sacos de 15 kg, e as patacas en sacos de 10, 15 e 20 kilogramos, segundo nos pida o cliente.
-Levas 10 anos dedicado profesionalmente á agricultura pero de formación es enxeñeiro industrial, ademáis de profesor do ensino. Como se entende este cambio?
Estudei enxeñería industrial en Vigo e acabei no ano 2011. Logo fixen un máster de investigación en tecnoloxías e procesos avanzados na industria e incorporeime como investigador no departamento de Física Aplicada do Grupo LáserON, que investiga as aplicacións do láser, principalmente no eido da medicina. Estaba contratado daquela como investigador mentres cursaba o doutorado e saíume a oportunidade de ir estudar 9 meses a Hong Kong. Valoreino, e tendo en conta que para estabilizarte profesionalmente como investigador tranquilamente chegas aos 40 e pico anos, desbotei a oferta e decidín seguir coa explotación dos meus pais, á que lle vía oportunidades para mellorar a súa rendibilidade e elixir un modo de vida no que para min había máis vantaxes.
Así, incorporeime ao agro no 2014, aínda que como plan B presenteime ás listas de profesorado e teño o posto consolidado, por se algún día quero optar por esa saída.
-A túa decisión non debeu ser moi apoiada polo teu entorno……
Non a entendía nin a familia nin os veciños, nin amigos…decían que estaba tolo porque desgraciadamente segue presente o estigma social de que no agro queda o que non vale para outra cousa. No caso dos meus pais, malia non compartir a miña decisión, apoiáronme para facer o principal investimento que fixemos: Unha nove nova na que gastamos uns 200.000 euros.
A día de hoxe non me arrepinto para nada da decisión que tomei: Traballo na miña terra, estou cos meus seres queridos, gaño en xeral máis do que percibiría como investigador ou profesor e, algo moi importante, son dono do meu tempo e podo conciliar. Tiven un fillo e podo dicir que non perdín ningunha ecografía durante o embarazo.
-Que cambios fixeches nestes dez anos na explotación familiar?
Partíamos dunha explotación moi pequena, na que os meus pais viñan producindo uns 20.000 kilos de pataca e outros 20.000 kilos de cebola e nestes dez anos multipliquei por 20 a produción de pataca e por 7 a de cebola.
-Es un dos poucos agricultores da Limia que ten plantadora automática de cebolas. Conta como funciona….
A semente da cebola é propia nosa e mandámola a un viveiro para que nos faga a planta. Para optimizar o traballo comprei unha plantadora automática autopropulsada, está fabricada en Xapón, e permíteme que eu só poda plantar sobre 200.000 cebolas no día. É un dos mellores investimentos que fixen na explotación.
Considero que a clave para mellorar a rendibilidade da explotación foi incorporar maquinaria para mecanizar o traballo todo o posible e por outra parte mellorar a comercialización, para ter máis marxe e ter unha clientela estable.
-Como valoras as axudas que recibiches como novo agricultor?
Pois no meu caso teño que dicir que experiencia foi negativa. Cando me incorporei no 2014 e tiven que comprar un tractor, coincidiu cun cambio da PAC, co cal non había suficiente diñeiro para as axudas de incorporación e tivemos que facer o investimento de case 200.000 euros no novo almacén. Únicamente tivemos unha axuda do 20% do GDR Limia-Arnoia con cargo aos fondos FEADER.
E da PAC prácticamente non cobro nada porque en España os agricultores xubilados poden seguir cobrando as axudas. Pedín dereitos da Reserva Nacional para novos agricultores pero sigo á espera.
Tamén botei en falta máis asesoramento e información por parte das Oficinas Agrarias ComArcais. O servizo público de extensión agraria desapareceu, deixando toda esa labor nas casas comerciais, que teñen os seus intereses. Hoxe se ves un funcionario da Oficina Agraria que che ven facer unha visita é case sempre para facer unha inspección, non para asesorar. É unha pena.
Por último, paréceme que o exceso de burocracia, xunto a unha lexislación elaborada moitas veces desde os despachos, sen ter en conta aos produtores, fai que moita xente nova que se incorpora ao agro se desanime.