A D.O. Valdeorras regresa da Experiencia Verema Valencia tras dous intensos días de traballo que deixan “un balance moi positivo desta misión promocional”. Así o explica Marcos Prada, presidente do Consello Regulador, quen explica que “deunos a oportunidade de fidelizar aos que nos coñecen e ampliar a súa información aos que non”.
Conta tamén o presidente, que durante os dous días de feira “houbo moita afluencia de xente, desde ás 11:00 ata ás 20:30 horas”, con visitas “de profesionais do sector, sumilleres, restauradores e algún distribuidor, moitos dos cuais xa traballaban cos nosos viños e aproveitaron a ocasión para ampliar o coñecemento sobre a nosa D.O.”
Ademáis, a D.O. Valdeorras recolleu a pasada tarde o Premio ao Mellor Consello Regulador de 2025, recentemente concedido por Verema, un recoñecemento ao gran traballo de viticultores, enólogos e adegueiros que pertencen á Denominación de Orixe.
Cata de Viños Tintos Senlleiros
Fora do contexto da feira, onte martes día 10, a Denominación de Orixe participou nunha Cata de Viños Tintos Senlleiros, dirixida polo director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, e que reuniu a máis dunha veintena de profesionais da distribución, a hostelería especializada e os medios de comunicación. Os participantes coñeceron de primeira man, proxectos elaborados con uvas autóctonas de gran valor enolóxico e cultural.
Na cata, que se levou a cabo no Travieso Bar, un wine bar con máis de 150 referencias de viños de toda España e o mundo, presentáronse 10 referencias de viños senlleiros elaborados a partir de variedades tintas tradicionais que algunhas adegas da denominación están recuperando, cun enfoque de preservación do patrimonio vitícola e identidade de orixe.
Entre as variedades protagonistas, atópanse: Brancellao, Caíño, Merenzao ou Sousón, que volven a ocupar un lugar destacado grazas ao impulso de adegas comprometidas coa diversidade varietal, a autenticidade e a conservación do viñedo histórico.
Galego









Control OJD