A D.O. Valdeorras presentou hoxe a súa nova imaxe promocional, “nunha aposta por darlle o valor que creemos, se merece”. Así o explicou o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada, quen quixo destacar que se trata “dun paso máis dentro dun Plan de Promoción que contemplou diferentes accións durante estes últimos anos”.
Dito Plan, poñíase en marcha a finais do ano 2023, cando a D.O. presentou a súa nova campaña “O godello é de Valdeorras, e agora tamén é teu”, con diversas accións promocionais e publicitarias. Máis tarde, tamén presentouse unha nova versión da web corporativa.
A nova imaxe de marca “quere transmitir modernidade, sen deixar de lado a esencia do que somos”, explicou Prada Ginzo, dando conta de cada elemento que a compón como é o logo, “coas catro capas superpostas de diferentes cores, que queren simbolizar a conxunción dos elementos que entran en xogo na elaboración dos viños”; o nome, Valdeorras, Denominación de Orixe, que concede o protagonismo á comarca colocándoa diante; e o lema, “o eslogan O valor do pequeno, centrado nos detalles, nas pequenas parcelas de pequenos viticultores que elaboran grandes viños, con mimo, esforzo e dedicación”.
Pola súa banda Miguel Rego, o director da axencia La Pera, que deseñou a nova imaxe da Denominación de Orixe Valdeorras, explicou que “o máis complexo do proxecto foi conseguir que todas as pezas que forman parte desta campaña de comunicación e imaxe xirasen en torno a un mesmo concepto: O VALOR DO PEQUENO. O obxectivo era poder transmitir con éxito a idea de que o que fai única a D.O. Valdeorras é precisamente a suma de todos os pequenos detalles que a compoñen: os seus viticultores co seu saber facer de décadas, a incrible variedade de chans, as importantes diferencias entre cada parcela (altitude, orientación, tamaño…); e os diferentes climas da zona. Todos estes elementos tiñan que unirse nunha perfecta fusión que permitise transmitir ese concepto de O VALOR DO PEQUENO”.
O deseñador Miguel Rego rematou a súa exposición incidindo en que “é importante destacar que as catro bandas, os catro elementos de diferentes cores que forman esta nova imaxe, non son regulares. E son diferentes do mesmo xeito que cada parcela ten a súa forma e a súa inclinación, cada viticultor ten unha forma diferente de traballar, cada chan aporta unhas características únicas; e cada clima ofrece uns valores diferenciais. Todo iso unido, é o que lle da esa singularidade e calidade excepcional aos viños de Valdeorras”.