A Denominación de Orixe Valdeorras participa este luns día 23 de marzo na Experiencia Verema Madrid, un evento ao que levará un total de 41 referencias de viño, de 22 adegas diferentes amparadas polo Consello Regulador. Delas, 30 botellas serán de viño branco e as restantes 11, serán de viño tinto.
Como no anterior evento Verema, celebrado a comezos deste mes en Valencia, a D.O. Valdeorras “decidiu participar por ser un mercado, o da capital de España, moi interesante a nivel comercial”, polo que “levamos apostando moitos anos”. Así o explica o director técnico da Denominación, Jorge Mazaira.
Neste caso concreto ademais, “o formato é moi áxil, porque todo se concentra nun só día e non hai actividades paralelas programadas, máis aló das catas comentadas, polo que todo o traballo céntrase na promoción dos viños”, explica.
Verema Madrid
O Hotel Palace de Madrid será o escenario escollido por Verema para a celebración da súa Experiencia na capital.
A maior comunidade online de fala hispana enfocada no mundo do viño, a gastronomía e o enoturismo, celebrará o 23 de marzo, a XXV Experiencia Verema Madrid nun formato que dispón de horario de mañá (11:30 a 15:00h) e tarde (17:00 a 20:30h).
Galego









Control OJD