A D.O. Valdeorras lidera Galivino, unha ferramenta para certificar a orixe dos viños galegos

Publicidade
A D.O. Valdeorras lidera Galivino, unha ferramenta para certificar a orixe dos viños galegos

Viñedos na DO. Valdeorras

O Consello Regulador da Denominación de Orixe. Valdeorras é a entidade encargada de coordinar o grupo operativo autónomico Galivino, que traballa no deseño e implementación de ferramentas para certificar a orixe dos viños galegos.

Xunto ao C. R.D.O Valdeorras, participan no proxecto a Axencia Galega para a Calidade Alimentaria ( AGACAL), a través da EVEGA, a Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidade Galega ( FEUGA).

O proxecto conta cun orzamento de 99.923,27 euros, dos que o 75% procede de fondos europeos. “Desenvolver modelos de predición de orixe en viños das denominacións de orixe galegas que permitan evitar a fraude, garantir a rastrexabilidade da produción vitivinícola e poñer valor as variedades autóctonas” constitúe – segundo o presidente da O. Valdeorras, José Luis García Pando, “o propósito final de Galivino”.

Unha demanda crecente

De feito, o control da calidade do viño e a veracidade da súa orixe representa “unha demanda crecente” para moitos consumidores, abunda García Pando. Por este motivo, o proxecto Galivino propoñerá novas técnicas e metodoloxías que permitirán certificar a orixe dos viños galegos e proporcionar claves de diferenciación por denominación de orixe, variedade de uva e colleita.

Todo isto contribuirá a “aumentar a competitividade” e “abrir novos mercados” para os viños galegos, conclúe o presidente do Consello Regulador.

Neste sentido, os obxectivos específicos do proxecto Galivino son os seguintes:

 Comprender as diferenzas entre as características analizadas nos viños, xa sexan brancos ou tintos, tendo en conta a interacción entre as D. O., variedade de uvas e colleita.

 Obter unha base de datos con perfís (pegada dactilar) de viños galegos de diferentes denominacións de orixe.

 Desenvolver e implementar unha metodoloxía rápida e efectiva e protocolos de toma de decisións para autentificar a orixe dos viños galegos e preparar un informe de resultados e recomendacións.

 Favorecer os viños galegos diferenciados con valor engadido.

Entidades beneficiarias

O proxecto Galivino terá nos adegueiros e viticultores aos seus grandes beneficiarios. Pero tamén axudará a optimizar o traballo dos consellos reguladores e as denominacións de orixe; dos agricultores, das empresas de explotación e transformación; dos centros de investigación e das administracións públicas relacionadas coa agricultura e o desenvolvemento rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información