A D.O. Ribeiro promociónase como destino enoturístico nas redes sociais

Publicidade
A D.O. Ribeiro promociónase como destino enoturístico nas redes sociais

A Asociación Ruta do viño do Ribeiro desenvolve por segundo ano consecutivo a campaña “Ribeiro, o teu mellor camiño”, unha iniciativa promocional que busca potenciar o territorio vitivinícola coma destino enoturístico.
Esta acción encádrase no programa de actividades que a Ruta do Viño do Ribeiro vén desenvolvendo dende o ano 2019 amparado baixo a marca enoturística “O CAMIÑO DO VIÑO. RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO”.

“Ribeiro, o teu mellor camiño” é unha aposta decidida por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala coma destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro, a paisaxe e o seu patrimonio histórico como fíos condutores. A campaña, segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan M. Casares, “valerase dunha coidada selección fotográfica e dun spot enoturístico que amosen todos os nosos recursos e potencialidades.”

A campaña desenvólvese nas redes sociais Facebook e Instagram durante os meses de agosto e setembro e centrarase na captación de potenciais visitantes das sete grandes cidades da comunidade autónoma de Galicia. O público obxectivo achégase ao millón de persoas e fará un especial fincapé nos perfis de clientes con máis de 25 anos e interesados no viño e o turismo rural.

Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan M. Casares, “O noso obxectivo fundamental é converter O Ribeiro nun destino turístico de calidade e desestacionalizado aproveitando a maior afluencia de visitantes á provincia de Ourense por mor do AVE.”

Outras accións da Ruta do Viño no ano 2022

Durante este ano 2022 a Ruta do Viño do Ribeiro vén desenvolvendo a maior actividade de promoción da súa historia. Para elo contan coa colaboración de Turismo de Galicia, a Deputación provincial de Ourense, o Inorde e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro.

A dita actividade principiou coa presentación pública, mes de febreiro, do documental de longa duración “O camiño do viño. Historia dun arrieiro” no que se mostran os recursos turísticos do territorio ribeirán usando coma fío condutor a figura histórica do arrieiro. No mes de abril desenvolveuse unha Press Trip con periodistas especializados no mundo do turismo entre os que se atopaban representantes de grandes cabeceiras xornalísticas de España.

No mes de maio celebrouse a XI edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia cun gran éxito de participación. E xa no mes de xuño O Ribeiro foi o escenario da emisión, durante toda a fin de semana, dun dos programas radiofónicos máis importantes no escenario nacional.
Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan M. Casares, “Neste momento estamos a pechar unha acción promocional directa con touroperadores que desenvolven a súa actividade a nivel nacional coa finalidade de que inclúan ao Ribeiro dentro da súa oferta.”

Ruta do Viño. Datos de 2021

Dende a súa creación no ano 2007, a Ruta do Viño do Ribeiro vén experimentando un proceso de incremento dos seus visitantes, sobre todo dende o ano 2012. No período 2008/2019, pasaron polo Ribeiro preto de 120.000 persoas, tendo en conta os datos que se rexistran nas adegas. O mellor dato rexistrarase no ano 2019 onde os visitantes chegaron ás 14.277 persoas. O incremento medio de visitantes por ano sitúase no 12-14% tendo en conta que o incremento é ascendente desde o 2012, ano no que houbo o menor número de visitantes de toda a serie rexistrada.

Os datos de 2021, malia que aínda sufrimos certas restriccións por mor das ondas derivadas da pandemia COVID, superan os mellores datos anuais. Así foron 20.112 as visitas rexistradas durante ese exercicio. Destacan nestes datos o incremento das visitas en adegas que ofrecen experiencias enoturísticas así como o número de visitas ao Museo do Viño de Galicia, que estase a revelar coma un valor enoturístico en alza.

No tocante aos perfís dos visitantes, o Ribeiro é destino preferente en colectivos de 45 a 65 anos que supoñen o 47% dos visitantes, aínda que é certo que nos últimos anos, a franxa de idade que comprende os 30-45 vai aumentando ata situarse no 28%. Os enoturistas viaxan en parellas ou en grupo de non máis de 4 a 6 persoas cun nivel de renda medio, e proveñen sobre todo, no 90% de Galicia, un 8% do resto de España e un 2% de países europeos.

Actualmente integran esta entidade un total de 50 socios repartidos da seguinte forma: dez concellos, dezasete adegas, once aloxamentos, sete restaurantes, dúas empresas de servizos e as oficinas de turismo de Ourense e Ribadavia, ademais de o Consello Regulador da D.O Ribeiro que ostenta a presidencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información