A Denominación de Orixe Ribeira Sacra presenta uns datos de vendas en 2025 que confirman a súa recuperación. Os informes de peche do exercicio 2025 e o avance do primeiro trimestre de 2026 debuxan un escenario de firme recuperación, cimentado nun aumento constante da comercialización, un salto nos mercados internacionais e un vital saneamento das existencias en adega.
O exercicio de 2025 consagrouse como o da recuperación, rexistrando os mellores datos de vendas do último trienio. Ao peche do ano, a D.O. Ribeira Sacra alcanzou un total de 3.381.493 litros embotellados. Esta cifra representa un sólido incremento de máis do 5 % fronte aos 3.220.050 litros que se embotellaron no ano 2024. A tendencia é clara -valora o Consello regulador da D.O- e demostra que o consumidor segue demandando o perfil único dos viños desta denominación, avalando o esforzo dos viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra.
Un dos fitos importantes e estratéxicos do último ano é a notable redución dos excedentes, un dato vital para garantir a rendibilidade financeira do sector e o equilibrio do mercado. Grazas ao excelente ritmo de saída de produto durante todo o ano, ás medidas adoptadas pola D.O Ribeira Sacra (como a redución de rendementos, destilación de crise, colleita en verde e o traballo de promoción) e o gran traballo comercial das adegas, logrouse chegar ao peche de marzo de 2026 cunha diminución das existencias de viño pendente de embotellar do 15,1 % con respecto á mesma data da campaña anterior.
O balance das exportacións extraído dos últimos rexistros amosa un crecemento do 9 % no volume de vendas internacionais durante o último ano
Os almacéns pasaron de soportar máis de 6,15 millóns de litros retidos a 31 de marzo de 2025, a situarse nun inventario moito máis saneado de 5,22 millóns de litros en marzo de 2026, cunha diminución de existencias próxima ao millón de litros.
Neste trimestre inaugural de 2026 embotelláronse 871.530 litros, en claro contraste cos 777.824 litros embotellados no primeiro trimestre de 2025. Isto supón un aumento do 12% na demanda directa nos tres primeiros meses do ano, confirmando a inercia positiva coa que arrancara o exercicio.
Este éxito no mercado interior apóiase de forma decisiva na tracción dos mercados exteriores. O balance das exportacións extraído dos últimos rexistros guinda un crecemento do 9 % no volume de vendas internacionais durante o último ano. Esta consolidación exterior reafirma que os viños de Ribeira Sacra, caracterizados pola súa singularidade e vinculación ao territorio, están conquistando de forma definitiva o paladar internacional en mercados de alto valor engadido.
A suma de todos estes factores estatísticos confirma que a D.O. Ribeira Sacra atravesa un momento de recuperación nun contexto no mundo do viño tinto complicado. O aumento sostido de litros embotellados, a desconxestión das adegas ao reducir as súas existencias e o fulgurante comezo de 2026, posicionan a esta denominación na senda da recuperación.
Galego









Control OJD