“A D.O. Monterrei ten unha oportunidade histórica de captar un mercado de máis de 12 millóns de persoas”

O escritor de ‘A marabillosa historia do viño en Galicia’, Luis Congil, investigou a conexión desta denominación de orixe co virreinato de Perú e Nova España. Este pasado, opina, dálle a Monterrei unha “oportunidade de ouro para retomar certas conexións vinícolas”. Falamos con el para que nos conte esta e outras curiosidades "científicas" sobre o pasado dos viños galegos

Publicidade
“A D.O. Monterrei ten unha oportunidade histórica de captar un mercado de máis de 12 millóns de persoas”

Luis Congil, na presentación de 'A marabillosa historia do viño de Galicia'. Do escudo galego, destacada que é o único do mundo cunha copa de viño.

Luis Congil descubre en cada frase algunhas das claves actuais e históricas dos viños galegos. “O viño galego vive unha segunda idade de ouro”, expón. E sinala algunhas das fortalezas: “Temos a metade da biodiversidade xenética de España”. “Ademais, a historia é un dos nosos valores engadidos, pois na viaxe milenaria de leste a oeste que fixo o viño durante 6.000 anos, o salto ao Novo Continente realizouse desde Galicia, como está documentado no arquivo de Simancas”.

Estas son algunhas das claves que debulla Luis Congil para falar de ‘A marabillosa historia do viño en Galicia’, o seu último libro que conta anécdotas, narra novidades históricas de diferentes denominacións de orixe, e fai alusión a conexións ata agora descoñecidas que gardan un amplo potencial.

Orixe prerromana dos viñedos en Galicia
Así mesmo, o escritor, xornalista e ex-profesor do Máster de Enoloxía da Universidade de Vigo, establece un paralelismo co idioma, debido á existencia de substratos prerromanos da lingua galega e da ‘vitis vinífera sylvestris’, un tipo de vide “domesticada e convertida en localismo”, anterior á chegada dos romanos a Galicia, coa que se atribúen raíces galegas nas variedades propias de Galicia. Deste xeito, “non temos unha historia común do viño, temos unha historia extraordinaria”, afirma o autor.

Fonte: Luis Congil

Lagar rupestre de Astariz, concello de Castrelo de Miño

Monterrei
“O V conde de Monterrei, Gaspar de Zúñiga, foi un home bo, que deixou un regueiro de bautizos na súa honra, e hoxe non se está a aproveitar a conexión que tiña con América”, afirma Luis Congil. “Calquera rexión con potencial de viños, véxase Bordeaux, vincúlase inmediatamente coa historia, sen embargo en Galicia non sucede isto, a pesar de ter unha historia extraordinaria”, comenta o autor.

“Na actualidade existe unha adega en Cidade de México chamada Casa Madero que data do 1597, unha das adegas máis antigas de América, coetánea do V Conde de Monterrei, Gaspar de Zúñiga, e obtivo a licencia de explotación baixo a súa administración, pois Gaspar de Zúñiga era virrei da Nova España”, explica Congil.

Casa Madero garda conexións cos xesuítas e con visitas do bispo da ‘Nova Galicia’ a finais do S. XVI e principios do S. XVII. “Existen coincidencias históricas e conexións dos viños de Monterrei co virreinato de México e do de Perú, unha cuestión que inspira unha chamada á acción, posto que pode representar unha oportunidade histórica de xerar un mercado de máis de 12 millóns de persoas”, detalla Luis Congil.

“Existen conexións dos viños de Monterrei co virreinato de México e o de Perú, o que inspira unha chamada á acción, porque pode ser unha oportunidade potencial para a D.O.” (Luis Congil)

A vinculación dos viños “dunha das D.O. máis novas de Galicia” co continente americano ten tamén outros lazos: “O feito de que exista un territorio en Estados Unidos que se chame Monterrey, e que nel teñan recoñecemento as rutas do viño –Monterey Guided Wine Tours, como se denominan internacionalmente, leva a pensar que a historia do viño galego de Monterrei, entre outros, estendeuse por toda América”, amplía Congil.

Rías Baixas
Por outra banda, o xornalista ourensán revela a conexión dos viños das Rías Baixas coa realeza británica. “A diplomacia entre Inglaterra e España estivo relacionada co viño; Diego Sarmiento de Acuña -I conde de Gondomar e embaixador de España en territorio inglés- era amigo persoal do rei Jacobo I, e levou para as cortes británicas grandes cantidades de viño, entre 3 e 4 desembarcos anuais”, expresa o autor do libro.

Fonte: Luis Congil

Imaxe do rei Jacobo I de Inglaterra

Esta conexión verifícase por unha carta escrita por John Digby, I duque de Bristol e embaixador británico en España, ao rei Jacobo I. “Este documento data do 1614 e está rexistrado na Biblioteca Nacional Española; nel exprésase a boa acollida dos viños de Gondomar na realeza británica. Con este viño colleron o costume de bebelo a culleradas”, concreta Luis Congil.

“Na carta do I duque de Bristol e embaixador de Inglaterra en España ao rei inglés Jacobo I, exprésase a gran acollida do albariño de Gondomar entre a realeza británica” (Luis Congil)

Do mesmo xeito, o recoñecemento deste viño non para en Inglaterra, senón que pasa a América, chegando a mans de personalidades como a de sir Francis Bacon. “Mostra do agradecemento de Bacon a Diego Sarmiento foi o agasallo dunha das primeiras representacións modernas de Inglaterra, o ‘Atlas de Saxton’”, detalla o escritor.

Tintos galegos e Ribeira Sacra
Ademais destes feitos históricos aos que o autor fai referencia no libro, Luis Congil tamén alude aos viños tintos galegos afirmando que “están rompendo coa dicotomía de fóra”. Para o xornalista e escritor, “os tintos galegos contan historias moi diferentes” destacando que “se están facendo vinificacións complexas e recuperando antigas castes que lle aportan un carácter especial”.

Deste xeito, Congil expresa que “este tipo de viños galegos están comezando a coller ‘carrerilla’, e que pronto nos sorprenderán”. No caso concreto da Ribeira Sacra comenta que “é un territorio que ten encantado aos consumidores deste viño, e conseguir meter a paisaxe na botella de viño é o que máis chama atención”.

“A Ribeira Sacra é un territorio que ten encantado aos consumidores deste viño. Conseguir meter a paisaxe na botella de viño é o que máis chama atención desta denominación” (Luis Congil)

A historia que non se debe repetir e algunhas recomendacións
“Afirmar que o viño galego está pasando por unha segunda idade de ouro implica explicar que houbo unha primeira”, avanza o escritor. “Houbo un caos no S. XX que se reflexou no viño. As crises de enfermidades na vide de finais do XIX e principios do XX foron agravadas polo contexto da pandemia da gripe, da peste, e posteriormente dos conflitos internacionais, sumindo a bonanza do viño galego na decadencia”, explica.

Naquel entón a solución máis recorrente foi cambiar as castes locais afectadas pola filoxera por outras foráneas con maior produtividade, “e este foi un dos erros que non se debe cometer cando en Galicia existe a maior diversidade da uva do territorio”, detalla Congil.

“Se o levamos á actualidade, hai que ter en conta que temos 53 variedades rexistradas de uso tradicional galego, e un total de 67, das 155 máis usadas en España, conservadas no banco de xermoplasma da Estación Vitícola de Galicia (Evega). Se a riqueza é a nosa biodiversidade, temos que saber utilizala”, afirma.

Primeiro motocultor do Ribeiro.

Primeiro motocultor do Ribeiro.

“Se a riqueza é a nosa biodiversidade temos que saber utilizala” (Luis Congil)

Deste xeito, o escritor opina a nivel persoal que “as D.O. deberían flexibilizar a inclusión de novas castes para seguir contribuíndo a recuperación de variedades”. Igualmente, deixa claro que “cómpre formar profesionais da enoloxía con óptica galega, e articular esa formación coa viticultura que nos rodea”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información