A D.O. Monterrei presenta os seus viños en Xixón con gran éxito

Máis de 200 profesionais do sector participaron no evento e destacaron a calidade dos viños galegos

Publicidade
A D.O. Monterrei presenta os seus viños en Xixón con gran éxito

Presentación dos viños da D.O. Monterrei en Xixón.

A D.O. Monterrei presentou os seus viños nun showroom en Xixón onde máis de 200 persoas vencelladas ao mundo da gastronomía acudiron á cita. Todos valoraron moi positivamente as elaboracións que puideron catar: arredor de 50 viños de 22 adegas adscritas á denominación galega, “unha xoia aínda por descubrir”, segundo destacaron.

O obxectivo desta acción é dar a coñecer a denominación, unha das máis novas de Galicia, con apenas 30 anos de vida. Actualmente está integrada por 29 adegas e máis de 798 hectáreas de viñedo.

A D.O. Monterrei é recoñecida polos seus brancos de Godello e Treixadura e polos seus tintos de Mencía. Porén, ofrece tamén elaboracións con variedades autóctonas menos presentes pero de grande complexidade, como Doña Blanca, Albariño, Blanca de Monterrei, Loureira ou Caíño Branco, ademais de tintas como Merenzao, Tempranillo, Sousón e Caíño Tinto.

A diversidade de Monterrei reflíctese nos seus solos, xa que conta con tres tipos distintos: lousentos, areosos e arxilosos. Tamén inflúe a diferenza de altitude entre val e ladeiras, o que dá lugar a viños moi diferentes.

O microclima da zona completa este carácter, con temperaturas máis cálidas ca outras denominacións galegas, chegando a ser mediterráneo temperado pero con influencia continental.

O Consello Regulador aposta por este tipo de eventos para reforzar a imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización para as adegas. Nesta liña, ademais de Xixón, Monterrei xa visitou Madrid, Mallorca e Valencia, e proximamente estará en Bilbao, Sevilla e Barcelona.

Como novidade, aprobouse recentemente unha modificación do Prego de Condicións que permitirá por primeira vez a elaboración de viños rosados, un exemplo máis de que Monterrei aínda ten moito que ofrecer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información