A D.O Monterrei participa na ‘Wine Week’ de Barcelona

Madrid foi a primeira parada das citas de promoción dos viños da Denominación de Orixe en cidades españolas. Na última semana asistiron tamén á Espai Verema Valencia e á feira de Lázaro de Verín

Publicidade
A D.O Monterrei participa na ‘Wine Week’ de Barcelona

O director da Axencia Galega da Calidade, José Luis Cabarcos e a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva este luns na Barcelona Wine Week.

Os viños da Denominación de Orixe (DO) Monterrei participan dende este luns e ata o mércores día 6 de abril na Barcelona Wine Week. Trátase da primeira vez que os blancos e os tintos da denominación se promocionan neste foro vitivinícola, no que se agarda a participación de 600 adegas e a visita de preto de 20.000 profesionais.

A D.O. Monterrei conta con un stand propio no que proporciona información sobre a historia e tradición vitivinícola da zona, características edafoclimáticas, variedades de uva ou a tipoloxía de viño. Ademais, os asistentes poderán catar, in situ, as elaboracións das seguintes adegas inscritas: Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei (Adegas Terrae), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) y Manuel Vázquez Losada.

A cita de Barcelona enmárcase nas actividades promocionais que están levando a cabo dende a Denominación de Orixe de Monterrei, que incluíron a participación tanto en citas de cidades como Madrid ou Valencia, así como actos promocionais en Galicia, como a Feira de Lázaro de Verín, celebrada a pasada fin de semana.

Casino_Madrid

Viños incluídos nos actos promocionais celebrados no Casino de Madrid.

As primeiras citas promocionais a nivel nacional de 2022

A primeira cita realizada fóra de Galicia este ano foi a acción promocional desenvolvida no Casino de Madrid o pasado 24 de marzo e na que se congregaron 240 asistentes, entre os que se atopaban socios da entidade, sumilleres, representantes do sector da restauración e medios de comunicación especializados. Ó longo dunha tarde, os participantes realizaron unha viaxe visual, olfativa e gustativa polo territorio de Monterrei a través dos seus viños. Este foi o quinto ano consecutivo que a DO Monterrei realiza esta actividade promocional no Casino de Madrid.

Na última semana do mes de marzo, os viños da DO Monterrei tamén participaron na Espai Verema Valencia, onde máis dun cento de asistentes se acercaron ata a área de Monterrei para coñecer máis sobre os viños desta DO. A cita de Valencia foi o primeiro evento de Verema no que participa a DO Monterrei neste ano.

Actos Verin DO Monterrei_Feira de Lazaro

Brinde con viño da Denominación de Monterrei durante as celebracións da Festa de Lázaro, en Verín, esta fin de semana.

Actos na comarca

Na programación promocional da DO tamén se incluíu un ano máis a Feira do Lázaro, celebrada esta fin de semana en Verín. Nesta edición, a Denominación organizou un Túnel do Viño, no que figuraban 22 das 27 adegas que conforman Monterrei. O Túnel contou coa presenza dos técnicos e a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva; así como da sumiller Marina Cruces, subcampioa nos anos 2009 e 2011 do Campeonato Galego de Sumilleres.

No marco desta celebración, o domingo tamén realizaron unha cata maridaxe de viños da denominación, que tivo lugar no pavillón municipal de Verín e foi impartida polo director técnico do Consello Regulador, Miguel López, e a sumiller Marina Cruces.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información