A D.O. Monterrei participa na Barcelona Wine Week

Publicidade
A D.O. Monterrei participa na Barcelona Wine Week

É a cuarta ocasión na que se impulsa a promoción do produto amparado de Monterrei na Barcelona Wine Week, un salón vitivinícola que reunirá 75 selos de calidade e máis de 1.100 adegas do 3 ao 5 de febreiro.

Como en anteriores edicións, o Consello Regulador contará cun espazo propio, no que se ofrecerá información sobre as características edafoclimáticas, tipoloxías de viños, variedades de uvas ou tradición vitivinícola, entre outros aspectos.

Así mesmo, os/as que se acheguen ata o dito stand poderán coñecer as elaboracións das seguintes adegas inscritas: Trasdovento, Minius, Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (Ramón Bigotes), Ladairo, Pazo de Valdeconde, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Vía Arxéntea, Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Manuel Regueiro García, Manuel Vázquez Losada, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Terras do Cigarrón e Triay.

Coa asistencia a esta feira, a entidade busca incidir no sector profesional. “Á última edición acudiron 21.000 profesionais, deles un 20% internacionais, procedentes de países como Estados Unidos, Alemaña, Canadá, Reino Unido, Países Baixos ou China”, manifesta o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada. “Por iso, a participación é fundamental, non só para impulsar a imaxe de marca, senón tamén para abrir oportunidades de negocio e así facilitar novas canles de comercialización para as nosas adegas”, engade.

Sobre a D.O. Monterrei
A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas. A mesma abrangue os concellos de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val. Está conformada por 29 adegas. Os viñedos desta D.O. ocupan un total de 798,10 hectáreas de territorio nas que traballan 381 viticultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información