A Denominación de Orixe Monterrei alcanzou cifras de récord no ano 2022, non só polo número de hectáreas e adegas, senón tamén respecto aos litros verificados. Se no ano 2018, situábanse en 2.626.590, o pasado 2022 pechouse coa cantidade de 4.707.350 litros, o que revela un crecemento do 79% no últimos cinco anos.
Os datos que manexa o Consello Regulador reflicten que no ano 2022, verificáronse un millón de litros máis que no 2019, e que o 2021 foi o primeiro no que se superaron os 4,5 millóns de litros.
Proba do crecemento progresivo e constante da denominación, é que a cifra de solicitudes verificadas no 2018 era de 287, e que este último ano foi de 392, é dicir, 105 mostras máis que fai un lustro.
Uns números de récord que tamén atopamos na superficie rexistrada. Mentres que no 2017 o número de hectáreas deste territorio vitivinícola era de 566, no 2022 alcanzou as 691. Un incremento que tamén é visible na cifra de adegas rexistradas, pasando de 25 ás 28 actuais; aumento de máis dun 10% nun lustro, o que supón o maior crecemento de tecido empresarial na Galicia vitivinícola.
Máis do 90% dos litros embotellados baixo o amparo da D.O. Monterrei véndense no mercado nacional, fundamentalmente en Galicia, zona noroeste (Asturias, Cantabria, País Vasco), Madrid, Cataluña e Comunidade Valenciana.
Respecto a a exportación, as vendas céntranse en países como Holanda, Irlanda, Alemaña, Bélxica e Reino Unido. Con todo, e segundo os últimos datos de exportación, tamén se pode atopar viño da Denominación de Orixe Monterrei en Dinamarca, Estonia, Francia, Malta, Polonia, República Checa, Suecia, Noruega, Suíza, Canadá, Colombia, Estados Unidos, México, China, Xapón ou Australia, entre outros.
Valoracións da D.O.
“Estes datos e feitos son froito da gran unión que se mantivo nos últimos anos e do arduo traballo, tanto de viticultores e adegas como de todo o equipo técnico e profesional da Denominación. Non podo máis que sentirme orgullosa de poder hoxe, ofrecer estas cifras. Creo que Monterrei vive unha etapa de harmonía, estabilidade e crecemento paulatino que beneficiou a todos e cada un dos seus integrantes e, sobre todo, que posicionou a marca Monterrei como selo calidade, cuestión que foi como Presidenta deste organismo, a miña máxima prioridade”, sinala a presidente, actualmente en funcións, da Denominación de Orixe Monterrei, Lara da Silva Rodríguez.
O crecemento é froito da unión. Monterrei vive unha etapa de harmonía, estabilidade e crecemento paulatino
“Temos que lembrar que estes últimos anos non foron fáciles debido a elementos desestabilizantes como o Covid-19, pero os datos ofrecidos por Nielsen revelaron unha gran resiliencia por parte do sector, e unha máis que demostrada competencia técnica e eficacia de todo o equipo do Consello Regulador, do que me sinto especialmente orgullosa.”
Dá Silva recalcou a importancia de manter un espírito crítico para seguir mellorando as xa
brillantes cifras que avalan a profesionalidade coa que se vén traballando e atisba un futuro no que a mellora continua fará crecer a marca Monterrei, máis aló das cotas alcanzadas.
Así mesmo, a chegada de capital foráneo, con novos e ambiciosos proxectos de grandes grupos supón unha gran oportunidade para fixar o crecemento en valor que mostran os datos do último estudo Nielsen, onde a valoración do selo Monterrei destacou respecto a outras Denominacións de Orixe. “Pero non debemos esquecer”, destaca a Presidenta, “o excelente traballo que fixeron e están a facer as pequenas adegas, que sempre apostaron desde o principio polo selo de calidade de Monterrei”.
“Monterrei e o seu godello son clara tendencia nacional e internacional” (Lara da Silva)
“A cantidade non debe ser en ningún caso a nosa máxima, senón a calidade. Pero non debemos perder a perspectiva a longo prazo, polo que é indispensable seguir traballando na promoción e manter un fluxo de abastecemento constante tanto nos nosos mercados prioritarios como nos emerxentes. Monterrei e a godello son clara tendencia nacional e internacional, debemos aproveitar o momento para asentar a marca de forma atemporal, máis aló de modas.”, matiza a Presidenta.
“Cando a implicación, o respeto, o esforzo e a unión son a clave dunha xestión, a profesionalización nótase e isto é froito do traballo de todos os meus compañeiros de sector, aos que lle estou moi agradecida polo seu labor e confianza neste proxecto común. Estou segura de que a Denominación de Orixe Monterrei ten un futuro brillante mentres a xestión se asente neses valores e nunha promoción ardua e eficiente”.