A Denominación de Orixe Monterrei celebrou unha presentación profesional en Madrid que reuniu 19 adegas da zona. Nesta cita ofrecéronse catas de brancos de Godello, tintos de Mencía e diversas elaboracións con outras variedades autóctonas.
Aínda que esta denominación foi recoñecida oficialmente en 1994, a súa tradición vitivinícola remóntase séculos atrás. Unha proba diso é o grupo escultórico romano Dionisos e Ampelos, atopado na vila romana de A Muradella, en Mourazos (Verín), e actualmente exposto no Museo Arqueolóxico de Ourense.
Durante o acto, as adegas participantes ofreceron tanto monovarietais como ‘coupages’ de uvas autóctonas. Nos brancos, puidéronse catar combinacións de Godello con Treixadura, Doña Blanca ou Albariño.
No que respecta aos tintos, ademais dos tradicionais Mencía, presentáronse mesturas con Sousón, Caíño Tinto e Araúxa, achegando frescura e novas posibilidades enolóxicas. Os viños tintos de Monterrei sorprenderon polo seu carácter “fresco e moi sutil, o que amplía as súas posibilidades de mercado”.
O xerente da D.O. Monterrei, Gonzalo Losada, destacou: “Esta añada es una de las mejores que hay, tanto por climatología como por la utilización de fitosanitarios. Es una añada espectacular. Traemos a esta plaza tan importante como es Madrid blancos y tintos de gran calidad. Monterrei es sinónimo precisamente de eso, de calidad, y contamos con vinos que hablan por sí solos”.
Fronte a outras rexións galegas máis atlánticas, Monterrei presenta un clima máis continental e unha gran variedade de solos —de lousa a granito— que permiten obter viños con estrutura, frescura e capacidade de garda.
A D.O. Monterrei está conformada por 29 adegas distribuídas nos concellos de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val, cun total de 798,10 hectáreas de viñedo e 381 viticultores.
O evento en Madrid reafirma o compromiso da denominación coa calidade e coa autenticidade. Segundo Losada, “las exportaciones en el mercado internacional, como Reino Unido, Suiza o Estados Unidos, han crecido de manera exponencial gracias á aceptación dos viños de calidade”.
Do 8 ao 10 de agosto celebrarase a décimo oitava edición da Feira do Viño de Monterrei, un evento aberto a todo o público que incluirá actividades enogastronómicas, actuacións musicais e degustacións nos stands das adegas participantes.