“Curtis quere ser dos primeiros concellos de Galicia en ter un plan de ordenación de cultivos”

Entrevista a Javier Caínzos, alcalde de Curtis. Este concello coruñés vai ser a sede de dous importantes proxectos para o sector lácteo e forestal de Galicia: a instalación de Goodleit, agora Inleit, e a da planta de biomasa de García Forestal. O rexedor fálanos da situación destes proxectos e do futuro do sector primario no concello.

“Curtis quere ser dos primeiros concellos de Galicia en ter un plan de ordenación de cultivos”

Javier Caínzos, alcalde de Curtis

Javier Caínzos é alcalde de Curtis dende o ano 2011. Fillo de gandeiros, lidera un concello que precisamente vai ser a sede de dous importantes proxectos para o sector lácteo e forestal de Galicia: a instalación de Goodleit, agora Inleit, e a da planta de biomasa de García Forestal (Greenalia). O rexedor fálanos da situación destes proxectos e dos cambios que están a introducir no concello para impulsar o futuro da actividade agrogandeira.

A ordenación dos usos do solo, para que non haxa plantacións forestais en terreos de uso agrario, segue sendo unha asignatura pendente en Galicia. As incoherencias entre a Lei do Solo e os Pxom dos concellos tampouco axudan a que haxa investimentos no rural. ¿Que se podería facer dende os concellos para ordenar os usos do solo e fomentar o seu aproveitamento?
Non é fácil dar unha resposta coa normativa, porque os trámites e os procedementos son longos e complexos. Pero tamén somos conscientes no equipo de goberno de Curtis de que se os veciños nos votan e nos elixen tamén nos esixen que lle deamos resposta ás súas demandas. É certo que resulta imposible contentar a todos os intereses, pero creo que temos que traballar da man dos gandeiros e dos propietarios forestais para dar resposta aos seus problemas e lograr sacar a máxima rendibilidade ás súas propiedades. Todo iso debe conxugarse co apoio ao sector lácteo, que é estratéxico para o noso concello, e evitar que haxa terras abandonadas.

Para iso estamos a adaptar a normativa urbanística ás súas necesidades e aos aproveitamentos do solo. En concreto, queremos ser dos primeiros concellos  en facer un plan de cultivos a través dunha empresa especializada e en colaboración colaboración coa Xunta de Galicia. Este plan será consensuado cos veciños e contará coa súa participación para lograr grandes bolsas de solo que sexan aproveitadas polas explotacións gandeiras, e o mesmo para as zonas forestais. Este plan de ordenación de cultivos, no que se terá  en conta a aptitude agronómica de cada solo, será acordado cos veciños e pretende que as explotacións gandeiras e forestais de Curtis teñan base territorial con dimensións rendibles. Ademais, permitiralles seguir medrando se o precisan nos próximos anos.

Este plan será a base para adaptación do PXOM á lexislación actual que esperamos aprobar a comezos de ano e que remataremos de pechalo coa participación cidadá. Creo que isto vai ser un antes e un despois para o aproveitamento do solo agrario e forestal en Curtis.

 “Imos reducir a delimitación urbana dos 142 núcleos rurais para favorecer a actividade agrogandeira”

Ademais, a petición dos veciños imos reducir a delimitación urbana dos 142 núcleos rurais. En concreto, imos facer unha nova delimitación, desclasificando máis de 200 hectáreas urbanas para convertelas en solos de usos agrarios no perímetro dos núcleos rurais. Iso vai facilitar non só un amplo grao de consenso en torno ao PXOM senón tamén unha seguridade para o desenvolvemento do sector agrogandeiro e agroforestal.

En definitiva, queremos facer unha ordenación dos usos do solo de acordo cos veciños, que garantirá o futuro da actividade agrogandeira e forestal do concello, con grandes bolsas de terreo, máis rendibles. Sei que non é fácil pero se non facemos este ordenamento imos ter un futuro moi curto.

A falta de celo para que se cumpra a lei en canto a usos do solo leva a veces a conflitos entre propietarios forestais e gandeiros….¿Que se pode facer dende os concellos?
Dende a Administración temos que intentar que non haxa esa confrontación entre o propietario que se dedica a uso agrario e o que o fai a uso forestal. Para iso, debemos definir unhas áreas para que a base territorial para os dous usos sexan de maior tamaño, máis viable e rendible.

Debemos facilitar que as explotacións gandeiras podan ampliar a súa base territorial para seguir medrando, e tamén que as zonas que queden como forestais sexan dun tamaño óptimo para que poda haber unha ordenación forestal e poda facerse un aproveitamento mixto.

“O noso obxectivo é crear grandes bolsas de terreo agrícola e forestal que fagan rendible o seu aproveitamento”

Penso que unha vía interesante para o futuro é a diversificación. E poño de exemplo aos gandeiros que nos anos 90 fixen unha visita a ganderías da rexión das Landas, en Francia, e vin como alí os gandeiros facían aproveitamentos mixtos (forestais, agrarios e de horta), de forma que cubrían coa venda de madeira as épocas de baixo prezo do leite. E en Curtis contamos cunhas condicións óptimas para a produción doutros cultivos, como cereais, horta, forestal, etc…..

As administracións locais debemos axudar, apoiar e impulsar o desenvolvemento do sector agrogandeiro, e nunca ser unha traba.

Precisamente como alcalde, entenderá unha das queixas recorrentes de agricultores ou gandeiros: o exceso de burocracia…
Sen dúbida que é un problema e o obxectivo principal debe ser simplificar os trámites e os prazos destes procedementos, porque do contrario é carga de traballo que acaba esgotando a agricultores e gandeiros.

O que necesita o sector son procedementos simplificados, porque se non é normal que a xente se desanime. Por exemplo, cando aprobamos as bonificacións para as explotacións gandeiras no pagamento do IBI, tivemos unha traballadora municipal en exclusiva para atender aos veciños, e o traballo de documentación que se require para conceder esa documentación é enorme. Se tiveran que facer eses trámites os propios gandeiros faríano moi poucas, e desta forma son máis de 100 as ganderías que se beneficiaron desta rebaixa de impostos municipais.

A nosa aposta é por simplificar burocracia e coordinarnos entre as administracións para que non haxa duplicidade de requirimentos.

Que peso ten o sector agrario en Curtis?
Nos últimos anos houbo un cambio substancial no que é o conxunto xeral do concello por dúas razóns. Por unha parte, porque o sector agrario, e sobre todo o lácteo, piar da economía do noso concello, está en permanente reconversión nos últimos anos. Así, se ben é certo que pecharon explotacións, ao igual que no resto de Galicia, as que quedaron aumentaron cabana gandeira e o tamaño, de forma que neste momento no concello hay en torno a 10.000 cabezas de vacún, sobre todo de leite. Quedan arestora en Curtis unhas 150 ganderías, das que 116 son de vacún de leite, e creo que van manter no futuro porque xa están dimensionadas e porque a evolución do mercado lácteo preséntase como positiva.

Precisamente, como está a nivel administrativo a implantación de Inleit, antes GoodLeit, en Curtis?
Neste momento xa se están executando as obras desta industria. O feito de que se ubicara en Curtis é froito do esforzo coordinado e conxunto do concello, da Xunta de Galicia e do Goberno Central para que unha empresa privada faga este importante investimento no noso concello. No mes de agosto concedéuselles a licenza e iso fixo posible que comezaran as obras hai uns días, e segundo a información da que dispoña evolucionan a bo ritmo e a duración prevista das obras é de 24 meses.

Esta industria vai supor unha importante esperanza de futuro para o sector lácteo galego, e como alcalde de Curtis estou moi agradecido de que elixiran o noso concello para implantarse.

Creo que houbo factores que puideron ser determinantes, como que dispuxéramos dun polígono industrial, o de Teixeiro, de 2 millóns de metros cadrados, e con todos os servizos: totalmente urbanizado, abastecemento de auga bruta para procesos de produción, servizo de vixilancia as 24 horas durante todo o ano….etc. Inleit adquiriu 86.000 metros cadrados de solo, que vai utilizar para o desenvolvemento deste proxecto.

“As obras da planta de Inleit avanzan segundo o previsto e estarán rematadas en 24 meses”

Todo isto trasládalle seguridade aos empresarios, e xunto a isto destacaría as medidas fiscais do noso concello, de forma que bonificamos os asentamentos industriais segundo o investimento e a creación de emprego. Outro factor clave é que Curtis está situado nun entorno de concellos cunha importante cabana de vacún de leite que pode ser provedora desta industria.

O proxecto suporá un investimento global de 70 millóns de euros e, polo que nos transmiten os empresarios, o desenvolvemento da industria vai ser progresivo e programado ata o ano 2023 ou 2024 cando se prevé que estea ao 100% da súa capacidade. Para daquela contará Inleit cuns 300 traballadores, entre directos e indirectos, e procesará unhas 400.000 toneladas de leite, o 17% da produción actual de Galicia.

Outro gran investimento previsto en Curtis é o de García Forestal. Como avanza a súa tramitación administrativa?
Neste momento o proxecto está en proceso de tramitación dos permisos e autorizacións integrais da Xunta. Unha vez que conten con eses permisos supoño que presentarán o proxecto definitivo no concello para, se procede, a concesión da pertinente licenza. Polos datos que nos avanzan, vai ser un importante investimento, cunha ocupación duns 100.000 metros cadrados no polígono de Teixeiro,  e unha produción de 50 megavatios a partir da biomasa forestal.

Ademais, vai supor un pulo moi importante para o sector forestal de toda a contorna e axudar a previr os incendios forestais, retirando biomasa do monte.

Este ano acollestes a primeira edición da I Poxa de Gando Frisón de Élite, que ides volver organizar para o mes de febreiro. Que valoración facedes desta poxa?
Creo que todos debemos intentar aportar o que podamos para o futuro do sector, porque apostar polo sector primario é apostar polo futuro de Galicia.

Hoxe en día unha explotación gandeira debe optimizar os seus recursos e abaratar custos. O feito de facer unha produción de calidade con animais de alta xenética vai contribuír tamén a que as nosas ganderías sexan máis rendibles. Temos que lembrar que de cara o futuro o valor engadido estará nos sólidos do leite, na graxa e na proteína, e é na dirección na que vai traballar Inleit.

 “Producir calidades con boa xenética é clave para o futuro, e nesa liña vai a Poxa de Gando de Élite que se celebrará en febreiro”

Neste sentido, celebramos unha xuntanza anual que realizamos cos nosos gandeiros nos meses de febreiro ou marzo, para que nos trasladen as súas demandas, tanto en axudas, como rebaixas fiscais a nivel municipal (no 2014 xa bonificamos ao 95% o pago do IBI as instalacións gandeiras e forestais.)..etc. E unha das peticións que nos trasladaron foi aproveitar o recinto feiral de Curtis para organizar unha ou varias poxas de gando ao longo do ano. Este ano foi a primeira e a valoración foi moi positiva, e para o próximo ano, abriremos a poxa á participación de animais procedentes de ganderías de toda Galicia. Creo que é unha aposta de futuro para que os nosos gandeiros conten coa mellor xenética para producir leite de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información