Cursos sobre a xestión de soutos de castiñeiros para froito

Esta semana desenvólvense tres actividades formativas sobre a materia, dous organizados pola Xunta en Sober (Lugo) e Mazaricos (A Coruña) e outro da Asociación Forestal de Galicia no Monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón, A Coruña)

Cursos sobre a xestión de soutos de castiñeiros para froito

Souto de castiñeiros. / Arquivo (Imaxe: Pía Paxaro).

O manexo dos castiñeiros para froito centran tres cursos programados esta semana, todos eles de carácter gratuíto pero con inscripción previa obrigada.

Repasamos a continuación as distintas actividades:

Curso sobre planificación e deseño das plantacións de castiñeiro de froito (Sober)

Desenvolverase na Casa de Cultura de Sober o martes 3 de agosto en horario de 10 a 14 horas. Está organizado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). O obxectivo da xornada é abordar as características das plantacións segundo a zona e o destino final do produto, así como informar sobre tratamentos para as árbores, tendencias de mercado e outras cuestións de interese para os produtores.

O programa da xornada ten un apartado sobre a planificación, onde se abordarán as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación. No tocante ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo.

Na parte de plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores. Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar neste tipo de plantacións.

Os interesados en anotarse ao curso poderán poñerse en contacto coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria a través do teléfono 881 99 72 79 ou no enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.

Curso sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos (Mazaricos)

O local social de Lugarnovo (Mazaricos) acolle este venres 6 de agosto un curso sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos. A actividade, que se desenvolverá en horario de 16.30 a 20.30 horas, abordará diversos conceptos como a comercialización, a gama de produtos, os circuítos de venda, a industrialización ou os mercados, así como os modelos de xestión, as variedades priorizadas, as pragas ou os programas de loita.

Os interesados en anotarse ao curso poderán poñerse en contacto coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria a través do teléfono 881 99 72 79 ou no enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.

Curso de técnicas de poda de castiñeiro para a produción de castaña (Boqueixón)

Dentro das actividades formativas do Monte demostrativo do Pico Sacro, a Asociación Forestal de Galicia organiza un taller de poda de castiñeiro para a produción de castaña.

O taller é gratuíto, será impartido por unha persoa experta na poda de castiñeiro para froito e terá lugar este venres 6 de agosto ás 17:00 horas no Monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón), de acordo co seguinte programa:

17:00 h – 17:30 h: Sesión teórica
• Os fundamentos da poda
• Ferramentas manuais e mecánicas
• Precaucións sanitarias e desinfección das ferramentas de poda

17:30 h – 19:30 h: Sesión práctica
• Poda de formación
• Podas de frutificación ou produción
• Podas sanitarias

Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán comunicalo previamente á oficina da Asociación Forestal de Galicia en Santiago (teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, correo electrónico: afg@asociacionforestal.org).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información