Cursos sobre manexo de pastos, prevención fronte ó lobo e xestión de ganderías de ovino e caprino

A formación iniciouse en Mondariz esta semana e levarase a cabo noutras 15 vilas de toda Galicia ata o mes de novembro

Cursos sobre manexo de pastos, prevención fronte ó lobo e xestión de ganderías de ovino e caprino

A xestión dos peches eléctricos será unha das temáticas que se abordará nos cursos.

Ó longo dos próximos meses, desenvolverase en diversas vilas de toda Galicia un programa de 3 cursos formativos centrados no manexo de pastos, as ganderías de ovino e caprino e a convivencia e prevención do lobo. As accións formativas están incluídas dentro do Plan de Formación ao Agro Galego 2020, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería de Medio Rural.

O primeiro dos cursos arrancou esta mesma semana en Mondariz (Pontevedra) e ata o mes de novembro hai programadas 15 accións formativas máis. Todas elas serán impartidas por persoal da empresa de asesoramento e xestión de ganderías Beealia. No caso dos curso de prevención do lobo tamén intervirán expertos como Luis Llaneza, biólogo da empresa Arena; ou Laureano Parada, da firma Trafogal, especializada na realización de peches para o gando e que se encargará de ofrecer unha sesión teórica e práctica sobre os peches.

Detallamos, a continuación, as datas e lugares previstos para os tres tipos de cursos e algúns dos temas que se abordarán nas sesións.

-Curso de iniciación e mellora de gandería de ovino e caprino

As sesións formativas están orientadas tanto a gandeiros como a aquelas persoas que estean pensando en iniciarse nesta actividade. Trátase dunha formación personalizada na que se abordará en detalle a gandería ou proxecto de cada un dos participantes, polo que se tratará de facer grupos reducidos. Os organizadores buscan ofrecer claves concretas nas que incidir para mellorar as ganderías.

Datas e lugares:

– 24 ó 27 de agosto. Concello de Mondariz (Pontevedra). Duración 24 horas en 4
xornadas.

– 19 ó 22 de outubro. GDR Mariñas –Betanzos en Abegondo (A Coruña). Duración 24 horas en 4 días.

– 4 de novembro. Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte (Lugo). Duración 10 horas.

Está previsto realizar outro curso na Pobra de Trives (Ourense) cunha duración de 24 horas ó longo de 3 xornadas, aínda pendente de concretar a data e o lugar de celebración.

-Curso de manexo e recuperación de pastos

Nestas sesións abordaranse cuestións como a fertilización ou o manexo do gando para optimizar o aproveitamento das pradeiras. Tamén se aportarán claves sobre ferramentas como os peches e pastores eléctricos ou procedementos como a realización de analíticas de solo. As sesións están orientadas tanto para ganderías en extensivo como en ecolóxico.

Datas e lugares:

– 5 de novembro. Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte (Lugo). Duración 10 horas.

Está previsto realizar outro curso na Pobra de Trives (Ourense) cunha duración de 8 horas, pero polo momento está pendente de confirmación a data e o lugar de realización.

-Curso de convivencia e prevención de ataques de lobo á gandería

A formación procurará ofrecer claves que permitan unha convivencia do lobo sen que as ganderías rematen tendo perdas por ataques. Trataranse aspectos como as medidas preventivas a adoptar polos gandeiros. De feito, naqueles cursos cunha duración de 3 xornadas, incluirase unha parte práctica na que se levará a cabo a colocación de peches para protexer ó gando do lobo.

Datas e lugares:

– 24 de setembro. Oficina Agraria Comarcal de Vilalba (Lugo). 8 horas.

– Do 28 ó 30 de setembro. Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte (Lugo). 24 horas repartidas en 3 xornadas.

– 6 de novembro. Concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña). Duración de 8 horas.

– 2 de outubro. Oficina Agraria Comarcal das Pontes (A Coruña). 8 horas de duración.

– 9 de outubro. Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (Bergondo, A Coruña). 8 horas de duración.

– Do 26 ó 28 de outubro no Instituto de Mondoñedo (Lugo). Duración de 24 horas repartido en 3 xornadas.

– 8 de outubro na Oficina Agraria de Viana do Bolo (Ourense).

– 14 ó 16 de outubro. Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa (Coristanco, A Coruña). Duración de 24 horas, repartido en 3 xornadas.

– Do 16 ó 19 de novembro en Meira (Lugo). 24 horas en 3 días.

Está pendente de confirmación das datas un curso de 24 horas na Pobra de Trives (Ourense).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información