Cursos sobre benestar animal no transporte en Zas, Lugo e Viveiro

Abordaranse temas como o manexo dos animais, a hixiene e a prevención sanitaria ou a lexislación en vigor

O camión no que Alroma traslada semananlmente os becerros desde a feira de Silleda até Sober

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar nos vindeiros días varios cursos sobre benestar animal no transporte. Os primeiros están programados para comezar este venres 22 de outubro na Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Baio, na localidade coruñesa de Zas; e no edificio multiusos da Xunta en Lugo. O terceiro será no salón de actos da xefatura territorial da Consellería do Mar en Celeiro, no concello lucense de Viveiro.

Ao longo de 20 horas lectivas, abordaranse temas como a saúde e a seguridade no traballo, o manexo, a hixiene e a prevención sanitaria ou a lexislación sobre benestar animal. Así, o obxectivo é ofrecer aos alumnos os coñecementos necesarios neste eido para que poidan desenvolver debidamente todas as tarefas relacionadas co transporte de animais.

Canto aos participantes, a acción está dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Inscricións

A Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes.

No caso de Zas, deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico juan.jose.insua.louro@xunta.es e solicitar calquera información adicional no teléfono 881880030. Para asistir ao curso de Lugo, o correo electrónico de referencia é jesus.juan.cantalapiedra.alvarez@xunta.es e o teléfono o 982294933, mentres para acudir ao de Viveiro haberá que poñerse en contacto co enderezo remedios.soto.lorenzo@xunta.gal ou co número telefónico 982555050.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información