Cursos gratuítos sobre a análise sensorial dos queixos galegos

Estas xornadas de formación especializada, dirixidas a profesionais do sector agroalimentario, correrán a cargo da catadora Salomé Beiroa e terán lugar en distintos puntos da xeografía galega

Queixos-_Un total de vinte xornadas formativas sobre a análise sensorial dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) serán as que imparta a catadora Salomé Beiroa por distintos puntos da xeografía galega. Esta actividade está financiada con fondos europeos (Feader) e pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Tamén colaboran os catro consellos reguladores dos queixos galegos con DOP, así como outras entidades. A formación será gratuíta e está dirixida ao sector e industria agroalimentarios.

Promovida pola propia docente, Salomé Beiroa, con esta actividade procúrase “achegar á industria e ao sector agroalimetario a uns produtos excepcionais” como son os queixos galegos con DOP. San Simón da Costa, Cebreiro, Arzúa-Ulloa e Tetilla son as catro Denominacións coas que conta Galicia en materia queixeira. Delas é experta Beiroa, que conta cunha longa traxectoria como catadora destes produtos no Panel de Cata da Xunta de Galicia desde fai 15 anos.

Calquera persoa vinculada ao sector agroalimentario pode inscribirse gratuitamente nesta actividade, non só quen se dedica directamente á fabricación de queixos, senón tamén os produtores lácteos, comercializadores e outros. “Malia que o leite chega ás queixerías desde o sector primario, os queixos galegos aínda precisan ser moito máis coñecidos entre as persoas que todos os días abastecen del á industria”, afirma Beiroa.

Calquera produtor ou persoa vinculada ao sector agroalimentario pode inscribirse gratuitamente nesta actividade

Un dos obxectivos da formación é a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Neste sentido, a catadora apunta que “temos catro tesouros” que divulgar, en referencia ás catro DOP. Nas sesións formativas abordaranse cuestións como a degustación do produto, saber apreciar as súas características ou como dar valor aos parámetros que garanten a súa calidade.

Inscricións gratuítas

O alumnado interesado en participar nalgunha das vinte sesións programadas poderase inscribir sen custo ningún enviando un correo electrónico a formacion.queixos@beiroa.org, indicando a localidade en que desexa participar: Santiago de Compostela (Lamas de Abade), Pedrafita do Cebreiro, Boqueixón (Sergude), Vilalba, Palas de Rei, Melide e Lalín.

Malia que o leite chega ás queixerías desde o sector primario, os queixos galegos aínda precisan ser moito máis coñecidos entre as persoas que todos os días abastecen del á industria

O Centro o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) acolleu xa as primeiras sesións de formación os días 31 de agosto e 2 de setembro, lugar onde se repetirán os vindeiros 21 e 23 deste mes. A seguinte data para a formación será en Lalín os días 7 e 9 de setembro e o 5 e 7 de outubro. Logo, a análise sensorial dos queixos galegos chegará ao Cebreiro os días 14 e 16 de setembro, para recalar en Vilalba o 28 e 30 do mesmo mes.

Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, acollerá os días 13 e 14 e 19 e 21 de outubro estas xornadas para chegar a Palas de Rei os días 26 e 28 de outubro finalizando en Melide os días 9 e 11 de novembro.

Cartel formación xenérico v3b (web)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información