Cursos gratuitos para obter o carnet de fitosanitarios en Ourense, Boqueixón e Becerreá

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira tres cursos sobre aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios. Cunha duración de 27 horas de formación cada unha, estas tres iniciativas programadas para ter lugar en Ourense, Boqueixón e Becerreá teñen como finalidade que os participantes poidan obter o carné de aplicador de nivel básico.

En concreto, no caso de Ourense, o curso está organizado pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) da cidade para que arranque na sede do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) dende o mércores 29 de setembro, en horario de tarde. Dous días antes, o luns 27, está previsto que comece tanto o de Boqueixón -que se impartirá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude tamén en horario de tarde- como o programado no Telecentro de Becerreá pola OAC da vila, que neste caso será en horario de mañá.

O obxectivo é que os alumnos adquiran coñecementos sobre o uso sostible dos produtos fitosanitarios así como sobre o seu manexo e aplicación de acordo coa normativa ao respecto. Así, no programa constan contidos sobre pragas e enfermidades dos cultivos e sobre os métodos de control máis axeitados, sobre os distintos produtos fitosanitarios e sobre a súa secuencia correcta de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación. Tamén se incidirá en conceptos como a perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde das persoas, a súa dosificación, os equipos apropiados para a súa aplicación e a normativa relacionada, ademais das estratexias e técnicas para a xestión integrada de pragas.

Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Para asistir é preciso descargar as solicitudes en https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. No caso de Ourense, deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico isabel.otero.pombo@xunta.gal e pode solicitarse calquera información adicional chamando ao teléfono 988386535. Canto ao curso de Sergude, o teléfono de información é o 881867331 e o correo electrónico de referencia o nietoperez@edu.xunta.gal mentres, por último, no caso de Becerreá, poden enviarse as solicitudes a marta.cela.sangil@xunta.es e facer as consultas pertinentes chamando ao 982889239.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información