O proxecto EDIH DATAlife, financiado polo programa Dixital Europe, busca posicionar a Galicia como un referente europeo na implantación de tecnoloxías disruptivas en sectores relacionados cos biorrecursos e a saúde. Tecnoloxías como a Intelixencia Artificial (IA), Internet das Cousas (IoT) ou a recompilación e integración de datos son un gran apoio para a mellora dos procesos e operacións en moitas empresas e organizacións do sector primario. As empresas interesadas en descubrir como estas e outras solucións innovadoras poden achegar valor ao seu negocio terán a oportunidade de acceder a formación gratuíta durante os próximos meses.
EDIH DATAlife lanza un novo calendario de formacións tecnolóxicas, dirixidas aos sectores da acuicultura, agroalimentario, forestal-madeira, saúde-coidados e biotecnoloxía. As formacións terán lugar ata xullo de 2025 e realizaranse en distintas localizacións de Galicia ou en modalidade en liña. Estes cursos xorden como resposta á escaseza de oferta formativa en tecnoloxías dixitais específica para estes sectores, unha necesidade cada vez máis crítica para a competitividade e a sustentabilidade en Galicia.
Calendario formativo de 2025 do proxecto EDIH DATAlife
O potencial de recoller, unificar, analizar e valorizar datos, así como de desenvolver procesos automatizados e intelixentes, é o foco das temáticas recollidas nas próximas formacións. A listaxe completa de formacións está dispoñible na web do proxecto. Estas sesións, completamente gratuítas para os asistentes, serán impartidas por docentes especializados, vinculados á Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, e a centros tecnolóxicos como Gradiant ou EnergyLab. Para o sector primario, destacan:
-Recompilación e integración de datos no sector Agroalimentario e Forestal-madeira. Dúas sesións reducidas de 2 horas altamente prácticas, impartidas polo centro tecnolóxico Gradiant. Realizarase entre os meses de abril e maio, e abriranse as inscricións proximamente.
-Intelixencia Artificial para a mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade. Unha formación transversal de 8 horas para achegar ferramentas e recursos a calquera empresa. Contará, ademais de con un bloque común, cun bloque específico de aplicación ao sector agroalimentario.
-Monitorización da industria gandeira mediante sensores IoT utilizando tecnoloxía LoRa. 10 horas de formación dirixidas a profesionais da industria gandeira, que se distribuirán en distintos días entre xuño e xullo. As inscricións abriranse en maio.
Estas formacións representan unha excelente oportunidade para que os profesionais adquiran competencias en tecnoloxías dixitais, cun enfoque práctico e con aplicacións directas a situacións e contornas de traballo reais. As persoas interesadas deberán inscribirse desde a sección Xornadas abertas na web de DATAlife. As inscricións abriranse cunha antelación de entre 3 e 4 semanas antes da súa celebración, e anunciaranse nas contas de Twitter e LinkedIn do proxecto, así como por correo electrónico para quen estea subscritos ao seu newsletter.
O público interesado que non poidan asistir en directo terá a posibilidade de acceder aos contidos en diferido, a través da aula Virtual do proxecto, previo rexistro. Do mesmo xeito, a través desta plataforma, poderanse realizar as formacións levadas a cabo durante 2024, que se poden consultar aquí.

Unha das xornadas formativas do proxecto durante 2024: Aplicación de novas tecnoloxías para unha xestión eficiente da auga no sector agrario galego
Durante o ano pasado, máis de 200 profesionais aumentaron a súa capacitación en temáticas como Dixitalización de explotacións agrogandeiras, Visión artificial no sector alimentario ou Aplicación das novas tecnoloxías para unha xestión eficiente da auga no sector agrario galego. A taxa de satisfacción coa formación recibida foi moi elevada e máis do 90% dos enquisados manifestaron interese en seguirse formando con EDIH DATAlife.
Sobre DATAlife
DATAlife é o Hub de Innovación Dixital Europeo para as ciencias da vida, ofrecendo apoio aos sectores primario, biotecnolóxico e saúde. O proxecto EDIH DATAlife conta cun orzamento de case 5,6 millóns de euros e está financiado pola Comisión Europea, con fondos DIXITAL EUROPE, e polo Ministerio de Industria e Turismo, con fondos NextGeneration. Isto permitiu despregar unha carteira de servizos para acelerar a transformación dixital das empresas implementando tecnoloxías disruptivas para aumentar a súa competitividade.
O desenvolvemento do catálogo formativo no proxecto é o resultado dun esforzo colaborativo no que participaron as agrupacións industriais dos sectores analizados, as universidades e centros tecnolóxicos como provedores de formación, e FEUGA xunto a DATAlife como coordinadores da actividade. Grazas a esa colaboración, realizouse unha rigorosa análise das necesidades formativas tecnolóxicas non cubertas en cada sector, e resolveuse unha proposta de formacións gratuítas que cobren os ocos identificados.
Contacto
Lucía Gómez Fernández – Comunicación en DATAlife
comunicacion@dihdatalife.com
+34 881 95 78 60.
Carlos Iglesias Losada – Xestor de proxectos europeos en FEUGA
ciglesias@feuga.es
+34 626 24 21 22.