Cursos en Monforte sobre manexo do pastoreo en rumiantes

As accións formativas terán lugar os días 18, 19 e 20 de outubro en horario de mañá e o obxectivo é asesorar ao sector gandeiro para facer un bo uso do pasto como sistema de alimentación para abaratar os custos de produción e mellorar a calidade dos produtos finais das explotacións

GANDERIA ZAPATEIRO SC (Sobrado) pastoreo6A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza tres cursos sobre o manexo da alimentación de ruminantes a base de pastoreo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos. Ditas accións formativas celebraranse en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, os vindeiros días 18, 19 e 20 de outubro.

O obxectivo destes cursos é formar e asesorar ao sector gandeiro para facer un bo uso do pastoreo como método de alimentación óptimo para abaratar os custos de produción e mellorar a calidade dos produtos finais, baseándose nunha gandaría máis eficiente e respectando o medio ambiente. Neste senso, o programa dos cursos centrarase nos principios básicos e sistemas do pastoreo, cunha visita final a unha granxa que emprega esta técnica de alimentación.

Cabe apuntar que estas accións están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Redución de custos das explotacións

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes.

A Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace. Nesta páxina poden descargarse tamén as solicitudes de asistencia correspondentes, que neste caso deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico maria.estrella.rodriguez.rodriguez@xunta.gal. Para consultar calquera dúbida pode chamarse ao teléfono 982889102.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información