Cursos en Galicia para obter o carné de aplicador de fitosanitarios

A anulación de máis de 6.800 carnés de fitosanitarios en Galicia está a levar xa a que os afectados comecen a buscar formacións, esta vez en Galicia, para obter o carné

Cursos en Galicia para obter o carné de aplicador de fitosanitarios

Logo de que se anularan os carnés de aplicación de fitosanitarios obtidos en León, en cursos fraudulentos, parte dos agricultores foise enterando nos últimos días de que perdera o carné ao ir mercar os fitosanitarios e non aparecer como autorizado para a compra. Outra parte está comprobándoo online esta semana no buscador de manipuladores con carné, tras saltar a noticia.

Así as cousas, os afectados terán que obter no menor prazo posible o novo carné, pero na maioría dos casos xa de cara á próxima campaña, pois o proceso dilatarase previsiblemente meses.

Como sinala unha das entidades que oferta estes cursos, non se trata só de que as entidades formadoras poidan ofrecer os cursos, ben a demanda dun grupo suficiente, ben cun calendario previamente fixado, pois hai que ter en conta tamén as convocatorias de exames da Xunta.

Unha vez feito o curso, hai que acudir a un exame convocado pola Xunta, cuns cupos de alunos e datas previamente establecidas.

Xa hai entidades, como Nagar Servicios Ambientales, que teñen programados cursos para os próximos días, e desde Unións Agrarias informan tamén de que abrirán cursos proximamente na súa rede de oficinas comarcais, en especial naquelas zonas con máis afectados.

Por parte da Xunta, en Galicia este ano están previstas un total de 25 formacións en 6 centros públicos. Medio Rural subliña que xa está reforzando a área de formación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria con persoal dedicado especificamente á organización deste tipo de cursos, así como á realización e corrección dos exames.

A Consellería lembra tamén que hai unha trintena de entidades habilitadas para impartir esa formación na comunidade, unha decena delas con posibilidade de cursos semipresenciais (16 horas online e 9 de prácticas presenciais, para o carné básico; e 42 horas online e 18 presenciais para o carné cualificado).

Situación esta campaña
O problema é que milleiros de agricultores estanse atopando agora, en plena campaña, coa anulación do carné, sen que tivesen ningunha noticia previa. Desde a Xunta sinálase que en breve se publicará a lista de afectados no Diario Oficial de Galicia.

“Cómpre sinalar que estas persoas obtiveron o carné fitosanitario por fóra das canles oficiais habilitadas pola Xunta de Galicia. Como non pode ser doutra maneira, en execución da sentenza da Audiencia Provincial de León, a Consellería do Medio Rural procedeu a anular os títulos habilitantes para manipular produtos fitosanitarios que se correspondían cos cursos obxecto do procedemento xudicial e, consecuentemente, a cancelar a súa inscrición no rexistro oficial”, sinala a Xunta.

Desde Unións Agrarias, en nota de prensa, laméntase que non se teña preparado un plan de continxencia con maior antelación. “Cando saíu a sentenza hai dous anos, reclamamos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria un plan de continxencia, pero non se adoptou. Agora precisamos dunha solución transitoria para a actual campaña de aplicación de fitosanitarios”, defende a organización.

Entidades homologadas para impartir os cursos de aplicador de fitosanitarios

Entidades públicas

A Coruña
– Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo.
– CFEA de Sergude (Boqueixón)

Lugo
– CFEA de Monforte de Lemos
– CFEA Pedro Murias (Ribadeo)
– CFEA Becerreá

Pontevedra
– CFEA Lourizán (Pontevedra)

Organizacións agrarias (Formación nas catro provincias)

Sindicato Labrego Galego – Presencial

Unións Agrarias – Presencial / Semipresencial

Empresas privadas

A Coruña
Academia Elisa (Vilagarcía) – Presencial e semipresencial.

Axiña Asesoramento rural integral (Cabanas) – Presencial

Bioambiental, control sanitario de alimentos (Ribeira) – Presencial

Grupo Athenea consultoría integral (Ordes) – Presencial / Semipresencial

Innova XXI (Coristanco) – Semipresencial

Lucaser (Negreira) – Presencial / Semipresencial

Academia Aproba (Vimianzo) – Presencial

Nagar Servicios Ambientales (Oza – Cesuras) – Presencial / Semipresencial

Sanea Control (Ames) – Presencial / Semipresencial

Senes Cit (A Coruña) – Presencial

Servicio de Formación Galego e Salvamento – Presencial

Ten Diez Formación (Vilanova) – Presencial

Xema Galicia Medioambiente (Negreira) – Presencial / Semipresencial

Lugo
Forma-T 2011 (Vilalba) – Presencial

Pontevedra
Centro de Estudios Informáticos Contables (Pontevedra) – Presencial

Centro de formación Ica (Pontevedra) – Presencial / Semipresencial

Estudios Mega (Pontevedra) – Presencial / Semipresencial

Norformación (Porriño) – Presencial / Semipresencial

Xestión rural de Galicia (Lalín) – Presencial

Ourense
Academia Epsilon (O Barco de Valdeorras) – Presencial

Delta PC Informática y Electrónica (Ourense) Presencial

Fundación Coren (Cenlle) – Presencial

Integral Nova Adviser (Ourense) – Presencial

Busca aquí se es unha das 6.817 persoas de Galicia afectadas pola anulación de carnés de fitosanitarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información