Cursos de formación para o desempeño de actividades dentro do sector agrario

A oferta enfócase a temáticas como o benestar animal, a ordenación sectorial de producións gandeiras, o uso profesional de produtos fitosanitarios e clasificación de canais en matadoiros. O prazo de preinscrición xa está aberto, e a data e lugar no que se celebrarán os cursos anunciarase proximamente

Cursos de formación para o desempeño de actividades dentro do sector agrario

A preinscrición xa está aberta online. / Fonte: Imaxe de arquivo

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria vén de aprobar o plan de formación continua habilitante para o agro galego, mediante o cal se organizarán diferentes cursos e accións formativas. Ofértanse cursos relacionados co benestar animal, a ordenación sectorial de producións gandeiras, o uso profesional de produtos fitosanitarios e clasificación de canais en matadoiros. As persoas interesadas en realizar unha presolicitude terán que solicitala de xeito telemático a través da seguinte ligazón. As datas e lugares de impartición dos cursos anunciaranse unha vez se acade o mínimo de 10 persoas preinscritas para a acción formativa solicitada.

No caso do benestar animal, as accións formativas están dirixidas a persoal de explotacións gandeiras e aos condutores e coidadores de vehículos de estrada de transporte de animais vivos. O obxectivo destes cursos é que os asistentes adquiran a capacidade, os coñecementos e a competencia profesional necesarios para o desempeño da súa actividade profesional no ámbito da protección animal.

Por outra banda, aqueles cursos relacionados coa ordenación sectorial de producións gandeiras están destinados a aqueles profesionais de explotacións que traballen con gando porcino, avícola e bovino, co fin de que conten cos coñecementos necesarios relacionados co manexo, sanidade, hixiene e bioseguridade e a xestión ambiental.

Están a organizarse tamén cursos dirixidos aos usuarios profesionais de produtos fitosanitarios co fin de divulgar os coñecementos apropiados para exercer esta actividade, así como outros relacionados coa acción formativa relacionada coa clasificación de canais en matadoiros. Poderán asistir agricultores, gandeiros, silvicultores gandeiros e silvicultores con producións con orientación comercial ou con expectativa de incorporación, incluídos os membros da compañía familiar e as persoas asalariadas da explotación. Tamén poderán inscribirse os asalariados das empresas de servizos agrarios e da industria transformadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información