Cursos de Fademur de prevención da violencia de xénero no rural

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais inicia este mes de outubro os seminarios en Tui, Lugo, Forcarei, Vimianzo, O Grove, Rodeiro, Santiago de Compostela e Sobrado dos Monxes

Publicidade
Cursos de Fademur de prevención da violencia de xénero no rural
Data inicio: 14/10/2020
Data fin: 31/12/2020
Lugar: Santiago de Compostela, España

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) acaba de presentar o programa Cultivando Igualdade, unha iniciativa que xorde tras 20 anos de experiencia, e coa que denunciar a especial vulnerabilidade que sofren as mulleres rurais ante a violencia de xénero.

A proposta pretende promover a creación de espazos de seguridade persoal e colectiva para as mulleres no medio rural. Trata de poñer o foco en como se caracteriza a violencia de xénero no rural e cales son os factores que aumentan o risco de que as mulleres sexan vítimas deste tipo de violencia.

O programa prevé levar a cabo campañas de concienciación para a tolerancia cero da Violencia de Xénero en tódalas súas formas. Cultivando Igualdade componse de actividades de sensibilización adaptadas ao medio rural, inclúe 4 modalidades diferentes de talleres para a prevención da Violencia de Xénero.

Os obradoiros estarán dirixidos a adolescentes e a mulleres rurais, co fin de tecer unha Rede de Espazos Seguros contra a Violencia de Xénero na súa contorna, visibilizar as distintas formas de Violencia de Xénero, informar sobre os recursos e protocolos de actuación ante a mesma, e traballar o empoderamento e acompañamento das vítimas no seu proceso de saída.

As actividades presenciais levaranse a cabo cumprindo escrupulosamente coas medidas de prevención en materia Covid-19 en vigor en cada concello. O programa iníciase este mes de outubro nos concellos de Tui, Lugo, Forcarei, Vimianzo, O Grove, Rodeiro, Santiago de Compostela e Sobrado dos Monxes. Para novembro e decembro teñen previsto incorporar novos concellos.

Asinando o compromiso Cultivando Igualdade, as institucións participantes pasarán a formar parte da Rede de Espazos Seguros contra a Violencia de Xénero.

O programa tamén conta coa posibilidade de formarse a distancia, polo que as persoas interesadas teñen dispoñible a opción online

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *