Cursos de certificación forestal, xestión de montes veciñais e prevención no uso de maquinaria

A Asociación Forestal de Galicia programou para as próximas semanas unha serie de cursos para propietarios forestais, comuneiros e traballadores do monte

Cursos de certificación forestal, xestión de montes veciñais e prevención no uso de maquinaria

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está desenvolvendo este outono un amplo programa de formación en toda a comunidade orientado a mellorar a silvicultura. Para as próximas semanas, están previstos os seguintes cursos:

Certificación forestal (Arzúa, mércores 14 de outubro)
A actividade formativa abordará a certificación forestal, un sistema que garante a xestión sostible do monte e que é cada vez máis demandado no mercado.

O curso de certificación forestal, orientado a propietarios forestais e técnicos, desenvolverase no Instituto de Ensino Secundario de Arzúa (Rúa do Castro) o mércores 14 de outubro. Será a partir das 10 horas da mañá e contarase para a inauguración con Ignacio Lema, director de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

No marco da xornada, abordaranse as características dos selos PEFC e FSC, así coma as vantaxes que ten para o propietario forestal a certificación do seu monte.

Curso sobre xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes (Vilaboa, sábado 17)
A actividade, que se desenvolverá na Casa do Monte de San Martiño de Vilaboa en horario de mañá, diríxese a comuneiros/as e a técnicos.

O obxectivo do curso sobre xestión de xuntas reitoras é revisar aspectos básicos de cara a mellorar o funcionamento das comunidades. A acción formativa aborda as seguintes cuestións, entre outras: organización e administración da comunidade, lexislación aplicable, planificación da xestións dos recursos do monte e réxime fiscal ó que están sometidas as comunidades de montes.

Uso de maquinaria forestal e prevención de riscos laborais (Ponteareas, O Rosal, Vigo e Mos)
Para a semana, están previstos tamén sendos cursos sobre prevención de riscos e uso de maquinaria forestal. Desenvolveranse o martes 13 en O Rosal (Casa do Monte de Santa Mariña do Rosal) -prazas esgotadas- e en Ponteareas o xoves 15 de outubro (Centro Cultural Xinzo), ambos en xornada continua a partir das 8 horas da mañá. Incluirán formación práctica no monte.

Os cursos de prevención de riscos oriéntanse a traballadores forestais e persoas traballadoras das comunidades de montes. De cara á seguinte semana, está previsto tamén repetir este curso de prevención de riscos e uso de maquinaria forestal en Coruxo (Vigo), o día 20; e en Zamáns (Vigo) o día 22.

Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico afg@asociacionforestal.org, ben nos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 220. De cara a garantir a prevención de riscos, haberá xel hidroalcohólico a disposición dos asistentes e manteranse as distancias de seguridade e o uso obrigado da mascarilla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información