A Asociación Forestal organiza nos próximos días tres cursos, un sobre certificación forestal nas Neves (Pontevedra) e outros dous sobre prevención de riscos na maquinaria forestal, que se desenvolverán no Rosal (martes 13) e Ponteareas (xoves 15).
As actividades son parte dun amplo programa de formación que está desenvolvendo este outono a Asociación Forestal en toda a comunidade, que vai orientado a mellorar a silvicultura.
O curso de certificación forestal desenvolverase no Centro de Interpretación do Patrimonio Natural de Taboexa, no lugar de As Barreiras (As Neves) este venres a partir das 16 horas.
No marco da xornada, abordaranse as características dos selos PEFC e FSC, así coma as vantaxes que ten para o propietario forestal a certificación do seu monte.
Uso de maquinaria forestal e prevención de riscos laborais
Están previstos tamén sendos cursos a próxima semana sobre prevención de riscos e uso de maquinaria. Desenvolveranse o martes 13 en O Rosal (Casa do Monte de Santa Mariña do Rosal) e en Ponteareas o xoves 15 de outubro (Centro Cultural Xinzo), ambos en xornada continua a partir das 8 horas da mañá.
Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico afg (arroba) asociacionforestal.org, ben nos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214. De cara a garantir a prevención de riscos, haberá xel hidroalcohólico a disposición dos asistentes e manteranse as distancias de seguridade e o uso obrigado da mascarilla.