Curso sobre viticultura sostible en Monforte de Lemos

Publicidade
Curso sobre viticultura sostible en Monforte de Lemos

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un curso sobre viticultura sostible en Monforte de Lemos. Comezará o vindeiro luns 18 e desenvolverase ata o xoves 21 de outubro en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas. Impartirase na sede da denominación de orixe Ribeira Sacra, na rúa do comercio 6-8.

O curso versará sobre a aplicación de técnicas de cultivo que sexan ambiental e economicamente axeitadas, co fin de producir uvas que alcancen os potenciais enolóxicos e os rendementos adecuados para conseguir viñedos viables. Desta forma, preténdese fomentar unha viticultura que minimice os impactos no medio ambiente.

Nesta liña, no programa constan contidos sobre a preparación do solo, o seu mantemento e rexeneración, así como os tipos de abono máis aconsellados para cada unha das zonas. Tamén se abordará a planificación das plantacións, os estados fenolóxicos da vide e o control e diferenciación das pragas e enfermidades que poidan ter os viñedos. Así mesmo, analizaranse as alternativas ecolóxicas e a súa influencia sobre a calidade da uva, as denominacións de orixe de viño en Galicia e as variedades admitidas en cada unha delas, entre outros moitos contidos de interese para os profesionais deste sector.

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 997 279.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información