Curso sobre a produción de froitos do bosque

Publicidade
Publicidade
Curso sobre a produción de froitos do bosque
Data inicio: 11/03/2020
Data fin: 11/03/2020
Lugar: Centro Social Polivalente O Rosal Pontevedra

O Rosal acollerá no mes de marzo o taller DepoFroitos, centrado nas producións de froitos do bosque e impulsado pola Deputación de Pontevedra. A proposta busca fomentar a creación de plantacións de froitos do bosque ecolóxicos e de calidade e mellorar a profesionalización desta actividade.

O curso está destinado a persoas empregadas ou desempregadas inscritas como demandantes de emprego. Trátase dunha acción formativa de balde. Conta con 20 horas de formación en liña relacionadas con accións de innovación social sobre o emprendemento ou a internacionalización neste sector e cun taller informativo que terá lugar o 11 de marzo no centro de formación ocupacional da Mata, no Rosal, en horario aínda por determinar.

No taller abordaranse as oportunidades de negocio que ofrece o sector dos froitos do bosque e afondarase en aspectos como a tramitación de axudas e subvencións ou a elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, entre outros.

A maior parte do curso desenvolverase a través de dúas ferramentas en liña: un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das vendas cunha serie de recomendacións de actuación. Ademais, cada persoa participante contará cun servizo de asesoría e consultaría en liña gratuíto para que sexa máis doado xestionar a creación e mantemento de empresas relacionadas con este sector.

“Temos que ofrecer solucións creativas e innovadoras aos retos que temos diante, como pode ser a xeración de postos de traballo con medidas sustentables e respectuosas co medio ambiente, dando valor engadido aos produtos cultivados no municipio”, salientou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, con respecto ó programa.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo acudindo á Axencia de emprego do Concello do Rosal ou chamando ao 986 625 000 ou ao 886 210 725 na extensión 40734. Tamén poden formalizar a inscrición enviando un correo a depofroitos(arroba)depo.es. Non hai data límite para inscribirse.

O programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Formación e Educación (POEFE) e a Fundación Biodiversidade a través do Programa EmpleaVerde do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

cartel-depofroitos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *