Barreiros acollerá a partir desta fin de semana un curso sobre iniciación á apicultura e preparación das colmeas para o inverno, promovido pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A formación, gratuíta e impartida por persoal da Casa do Mel de Goente, desenvolverase os días 5,6, 19 e 20 de outubro na escola de Celeiro de Mariñaos, cunha parte teórica e unha parte práctica – nun colmeal da Rexa – na que se abordarán tarefas como a retirado do mel excedente, o control do alimento para a supervivencia ou a colocación de tratamentos. As persoas interesadas en asistir teñen que anotarse no enderezo casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661003616.
O curso, que conta coa colaboración do Concello de Barreiros, inclúese nun programa de formación en apicultura que está a desenvolver a área de Rural co obxectivo de ampliar e actualizar os coñecementos de apicultores e apicultoras e espertar o interese por esta actividade entre as persoas máis novas. Desde o pasado mes de xuño, desenvolverónse actividades formativas tamén no Valadouro, Vilalba, Xove, Pantón, Muras, Cervo e Mondoñedo.