Data inicio: 26/07/2017
Data fin: 28/07/2017
Lugar: Seoane do Courel, España
‘Aproveitamento sostible de cogomelos comestibles en Galicia’, é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da Univesidade de Santiago de Compostela que se desenvolverá do 26 ao 28 de xullo na Estación Científica do Courel, con sede en Seoane do Courel.
Estruturado en 24 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 50 persoas, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polo profesor da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez.
Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, da Estación Científica do Courel e do Instituto Universitario de Investigación de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), pasan por ofrecer ás persoas inscritas unha visión sobre as principais especies de cogomelos comestibles e velenosos de Galicia, ademais de achegar información sobre a súa importancia económica, sobre o seu aproveitamento sostible e sobre a normativa que regula este aproveitamento.
As distintas sesións formativas organizadas no marco deste curso desenvolveranse nas instalacións da Estación Científica do Courel, ao tempo que se realizarán saídas de prácticas á Devesa da Rogueira. Aínda así, os organizadores do curso poñen a disposición das persoas interesadas un servizo de autobús desde a capital luguesa ata Seoane do Courel
Estruturado en relatorios e sesións prácticas, os preto de dez relatores que tomarán parte neste foro estival da USC abordarán cuestións relativas a estratexias nutricionais, morfoloxía de fungos e cogomelos, cogomelos comestibles e velenosos, fungos tóxicos para animais e fungos hipóxeos de Galicia, técnicas de micorrización, pautas para o aproveitamento sustentable e para mellorar a produción e regulación da colleita, comercialización e industrialización de cogomelos.
O curso inclúe ademais como novidade unha demostración do uso de cans adestrados para a localización de fungos hipóxeos (trufas, etc), unha sesión que se desenvolverá na xornada do 27 de xullo e que estará guiada por Julio Cabero Martín, experto en fungos hipóxeos.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 14 de xullo.
Programa:
Día 26
9:00 Acollida de participantes e recollida de documentación
9:30 Inauguración do curso
10:00 O Reino dos Fungos. Estratexias nutricionais. Fungos e cogomelos. Importancia dos fungos Manuel Antonio Rodríguez Guitián. Doutor en Bioloxía. Profesor Contratado Doutor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC.
12:00 Morfoloxía e ecoloxía dos cogomelos Juan Luis Fernández Lorenzo. Profesor Titular de Universidade do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela.
16:00 Cogomelos comestibles I (xéneros Lepiota, Coprinus, Agaricus, Clitocybe, Pleurotus, Agrocybe, Lepista, Morchella, Helvella, Calocybe, Marasmius) Ignacio García González. Doutor en Bioloxía. Profesor Contratado Doutor do Departamento de Botánica da USC
18:00 Fungos tóxicos para os animais Rosa Romero Franco. Doutora en Bioloxía. Profesora Titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela.
Día 27
10:00 Viaxe de prácticas: Devesa da Rogueira Julián Alonso Díaz, Doutor en Veterinaria, e outros profesores do curso
16:00 Fungos hipóxeos de Galicia. Uso de cans para a súa detección Julio Cabero Martín, Experto en Fungos Hipóxeos. Toro (Zamora)
18:00 Cogomelos tóxicos: intoxicacións e tratamento. Julián Alonso Díaz. Doutor en Veterinaria. Presidente da Asociación Micolóxica LUCUS.
Día 28
10:00 Técnicas de micorrización Santiago Lamosa Quinteiro. Doutor Enxeñeiro Agrónomo. Profesor Contratado Doutor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC.
12:00 Cogomelos comestibles II (xéneros Amanita, Lactarius, Russula, Tricholoma, Boletus s. l., Fistulina, Hydnum, Cantharellus, Craterellus) Antonio Rigueiro Rodríguez. Doutor Enxeñeiro de Montes. Catedrático de Universidade do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela.
16:00 Cara a un aproveitamento sostible de cogomelos: técnicas de mellora da produción e regulación da colleita. Javier Pereira-Espinel Plata. Ingeniero de Montes. Robur Ingeniería.
18:00 Comercialización e industrialización de cogomelos Luz Divina Castelo. Champivil S. L. Vilalba.
20:00 Clausura e entrega de certificados ou diplomas