A Consellería do Medio Rural organiza a semana que vén un seminario enfocado á mellora das técnicas de produción de pataca en Coristanco. Celebrarase o luns 16 e martes 17 de xaneiro no edificio municipal de usos múltiples do municipio. Este curso contará con mesas redondas e expertos tanto galegos como da Bretaña francesa que contribuirán á transferencia de coñecementos e experiencias na produción de pataca. Nos dous días seguintes levarase a cabo o mesmo seminario en Xinzo de Limia. Os interesados poderán inscribirse, no caso de Coristanco, chamando ao Concello no teléfono 981 733 051 ou contactando ao 659426350.
O obxectivo destes encontros é reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca ao tempo que se busca establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos. Outra das metas é instaurar canles de cooperación entre os produtores que contribúan á mellora dos sistemas de produción, almacenamento e comercialización.
No primeiro día abordaranse temas como os criterios de traballo do solo, os labores preparatorios para o cultivo da pataca ou os sistemas de plantación. No segundo día trataranse temas como o plan de fertilización da pataca, o tratamento e coidados das plantacións ou o uso dos fitosanitarios. Ambas as xornadas complementaranse con visitas ao campo e mesas redondas.
Programa do evento:
Luns 16 de xaneiro
9.30h. Presentación do seminario
10.00h. Criterios sobre o traballo do solo: Rotación de cultivos nas parcelas de pataca (cultivos de inverno e cultivos posteriores á pataca). Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants
10.45h. Labores preparatorios do solo para o cultivo da pataca. Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants
11.30h. Pausa-café
12.00h. Sistemas de plantación da pataca. Consellería do Medio Rural
13.00h. Mesa redonda: Experiencias do cultivo da pataca en Bretaña e en Bergantiños
16.00h. Visita a parcelas de pataca (rotación de cultivos, analítica de solos…)
18.00h. Conclusión das visitas e síntese do tratado na xornada
Martes 17 de xaneiro
10.00h. Plan de fertilización da pataca. Consellería do Medio Rural.
10.45h. Tratamento e coidados da pataca de sembra. Philippe Dolo, Técnico de Bretagne Plants
11.30h. Pausa-café
12.00h. O uso dos fitosanitarios (herbicidas, funxicidas e insecticidas) no cultivo da pataca. Consellería do Medio Rural
13.00h. Mesa redonda: Experiencias do cultivo da pataca en Bergantiños e Bretaña. Produtores da Bretaña e de Bergantiños
16.00h. Visita de estudo: Almacenamento e conservación da pataca
18.00h. Conclusión das visitas e síntese do tratado na xornada
19.00h. Clausura