Curso sobre mecanismos de reprodución de colmeas e mellora xenética de raíñas

A acción formativa será impartida polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude en horario de mañá os sábados ata o 2 de xullo

Publicidade
Curso sobre mecanismos de reprodución de colmeas e mellora xenética de raíñas

No curso abordaranse cuestións como a mellora xenética das raíñas.

Data inicio: 14/05/2022
Data fin: 02/07/2022
Lugar: Centro de formación y experimentación agroforestal de Sergude, Xunta de Galiza, Place of Sergude, Quián, España

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería de Medio Rural, organiza un curso sobre a reprodución apícola e mellora xenética. A formación busca facilitar aos apicultores coñecementos sobre mecanismos de reprodución das súas colmeas e dotalos de recursos técnicos suficientes que lles permitan aumentar os seus apiarios e mellorar as colleitas.

Tamén se pretende dar unha formación para realizar unha mellora xenética das raíñas, co fin de dar continuidade aos seus enxames e, mellorar así, a rendibilidade das explotacións apícolas. Por último, daranse pautas de manexo para un correcto inicio da campaña de posterior recollida de mel, tras a floración da primavera.

A formación, que ten unha duración de 20 horas, celebrarase todos os sábados no lugar de Quián, en Boqueixón, dende o 14 de maio ao 2 de xullo, ambos incluídos. Será o persoal do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude o que imparta esta formación, que terá lugar en horario de mañá, de 10.00 horas a 14.00 horas. En concreto, realizarase os sábados 14 e 21 de maio, o 4 e 18 de xuño e o 2 de xullo.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 867 331. A solicitude para inscribirse no curso poderá obterse aquí e deberá remitirse cuberta ao enderezo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal.

O curso inclúese dentro do Plan de formación continua 2022 da Consellería de Medio Rural, que pode consultarse aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *