O 27 de setembro, PEFC Galicia organiza unha “MASTERCLASS E TALLER PRÁCTICO MÉTODOS INTEGRAIS PARA A XESTIÓN DA MARCA E A ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL”, unha xornada de márketing e comunicación para o sector forestal.
“Non importa o nivel de coñecemento previo, todos os asistentes atoparán ferramentas e estratexias útiles para mellorar a súa comunicación e márketing”, explican dende a organización. A masterclass será ofrecida por Christopher R. Smith, consultor especializado en procesos de construción de marcas, e que leva máis de 10 anos traballando con empreas e organizacións do sector forestal.
“O márketing e a comunicación son esenciais para calquera sector, pero no ámbito forestal son vitais. A ninguén se lle escapa que hai estigmas e mitos que afectan á imaxe do sector no seu conxunto. As empresas forestais necesitan comunicar os seus valores e compromisos en positivo, como a sustentabilidade e a xestión responsable, de maneira efectiva. O desenvolvemento da marca neste sentido melloraría a reputación da empresa e as súas vendas pero, tradicionalmente, o sector deixou de lado todo o que ten que ver coa imaxe”, sinala Christopher R. Smith .
Neste sentido, avanza que na masterclass vai desagregar os conceptos de xestión de marca, márketing e comunicación de maneira sinxela e práctica. Os asistentes aprenderán como crear e manter unha marca forte, como comunicar eficazmente os seus valores e logros, e como utilizar estas ferramentas para gañar competitividade no mercado. Utilizaranse exemplos concretos para que todos poidan aplicar o aprendido directamente nas súas empresas. “Queremos que os participantes saian con ideas claras e prácticas que poidan implementar de inmediato”, subliña.