Curso sobre deseño de plantacións de castiñeiro de froito en Touro e San Cibrao das Viñas

Curso sobre deseño de plantacións de castiñeiro de froito en Touro e San Cibrao das Viñas

Medio Rural desenvolverá a próxima semana dous cursos sobre a planificación e deseño das plantacións de castiñeiro para froito. As accións desenvolveranse o luns 13 no concello de San Cibrao das Viñas (Ourense) e o mércores 15 de setembro no de Touro.

En San Cibrao, o curso será na escola pública de Souto Penedo en horario de tarde (18 – 22 horas), mentres que o de Touro será na Casa da Cultura en horario de 16 a 20 horas.

O obxectivo principal deste curso é planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas e de mercado, entre outros aspectos.

Así, o programa terá un apartado sobre a planificación, onde se abordarán as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación.

No tocante ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo. Na parte de plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores. Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar.

Estas actividades formativas son parte dos cursos programados para este outono por Medio Rural, que se poden consultar nesta web, onde tamén se poden descargar as solicitudes de inscripción pertinentes, que deben enviarse cubertas ó correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en consultar calquera dúbida tamén poden contactar no teléfono 881 99 72 79.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información