O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos acollerá o vindeiro luns, 27 de setembro, unha xornada formativa sobre o control da vespa velutina e os distintos métodos para a protección das colmeas.
O curso, de 5 horas de duración, desenvolverase nas instalacións do centro en horario de 4 da tarde a 9 de noite. Se o tempo acompaña faranse prácticas no colmear, polo que as persoas interesadas en participar deberán levar traxe.
Os encargados de impartir o curso serán Gonzalo Calvo, veterinario da Asociación Galega de Apicultura, e Sandra Rojas, bióloga da Universidade de Vigo e responsable de coordinar o programa Stop Vespa Velutina.
A xornada de formación é de balde e as solicitudes para poder participar deberán ser enviadas ao correo electrónico cesar.crespo.vazquez@xunta.gal, adxuntando o seguinte formulario en pdf e asinado. O prazo límite para anotarse é o día 26 de setembro.
O curso forma parte da oferta formativa do centro para este ano e está financiado ao 75% con fondos europeos a través do FEADER.
Programa:
OBRADOIRO SOBRE A VESPA VELUTINA: ACTUALIZACIÓN DOS MEDIOS DE CONTROL
Luns 27 de setembro
Horario: De 16 a 18 horas
Docente: Gonzalo Calvo
Temática:
1. A vespa velutina na apicultura galega
2. Anatomía e diferenzas coa vespa autóctona: ciclo biolóxico
3. Necesidades nutricionais ao longo do ano
Horario: De 18 a 21 horas
Docente: Sandra Rojas
Temática:
4. Medios de control e loita nos apiarios.
Métodos de trampeo e atraíntes segundo a época do ano.
Uso e mantemento de arpas.
Outros sistemas de protección das colmeas.
5. Liñas de investigación presentes e futuras.