Data inicio: 13/10/2021
Data fin: 23/10/2021
Lugar: Centro de Iniciativas Empresariais de Camariñas (A Coruña)
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a vindeira semana no Centro de Iniciativas Empresariais de Camariñas un curso sobre alternativas de xestión ao minifundio forestal. A formación será impartida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural entre o mércores 13 e o sábado 23 de outubro en horario de mañá, cun total de 44 horas formativas distribuídas en sete xornadas.
O obxectivo da iniciativa é amosar as posibilidades que ofrece o asociacionismo como solución ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais, como poden ser os arandos, as mazás de sidra ou as castañas. Nesa liña, pretenden proporcionar ós participantes coñecementos técnicos e profesionais precisos para establecer algún destes aproveitamentos.
O programa inclúe contidos sobre a situación do sector forestal en Galicia e sobre a xestión forestal conxunta, ademais de especificidades sobre os cultivos mencionados. En relación ao castiñeiro, falarase de tratamentos silvícolas e de canles de venda da castaña, ademais de facerse unha análise económica deste tipo de aproveitamento. No que se refire ás maceiras para sidra e aos arandos, tratarase a xestión destas plantacións e tamén os aspectos comerciais de interese. Nesa dirección, a formación concluirá cunha visita a unha produción forestal froiteira, para que os alumnos poidan comprobar en campo os coñecementos adquiridos.
A acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego. As persoas interesadas poden anotarse descargando aquí a solicitude de asistencia, que deben remitir cuberta ó enderezo electrónico ana.suarez.samaniego@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 997 285.
O curso inclúese no programa de formación non regrada de Agacal e dentro do Plan de formación continua 2021, co que a Xunta busca incrementar a competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de accións formativas.