O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, asistiu este xoves á inauguración do curso Cálculo de estruturas de madeira, realizado en Lugo en colaboración coa Platafoma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da USC.
“A madeira é un elemento natural, renovable, que se pode reutilizar e reciclar e que vai xogar un papel fundamental para axudar no proceso de descarbonización do sector da edificación”, explicou Fernández Ríos.
Este curso desenvólvese no marco da liña de axudas XERA-Savia, convocada pola Axencia Galega da Industrial Forestal para o período 2024-2025 e que facilitou a formación dun milleiro de traballadores no ano 2024.
Na súa intervención, o director xeral destacou o notable incremento do uso da madeira na construción nos últimos anos, algo que se reflicte na crecente demanda das axudas impulsadas anualmente polo Goberno galego para proxectos e obras que utilizan este material como compoñente estrutural.
Nese sentido, sinalou que se pasou de recibir 192 solicitudes no ano 2020 a un total de 682 no 2024, o que supuxo un importante esforzo orzamentario, cun aumento da partida asignada desde 1,7 millóns de euros ata os 5 millóns na última convocatoria.
En canto a PEMADE, é un referente pioneiro no emprego da madeira na construción, tanto no ámbito da innovación como da caracterización da madeira e formou e segue a formar a distintos profesionais da cadea de valor no emprego da madeira e no cálculo de estruturas”, dixo Alfredo Fernández.
A actividade, que se prolongará en xuño e xullo, ofrece unha oportunidade para profundar no coñecemento da madeira e o seu uso estrutural, abordando desde a súa caracterización e cálculo ata sistemas mixtos madeira-formigón desenvolvidos por PEMADE.