Curso on-line do Magrama para asesores de explotacións agrarias

O seu obxectivo é ampliar os coñecementos de formadores e técnicos para que apoien a agricultores e gandeiros no cumprimento da normativa comunitaria e española

Publicidade

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente programou un curso permanente on-line, semipresencial,  para “Asesores de explotacións agrarias e desenvolvemento rural”, que se impartirá, ao longo de todo o ano 2016, desde a sede da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal.

O curso, ao que os interesados poden incorporarse durante todo o ano,  vai dirixido a formadores e técnicos das diferentes administracións, Redes e Grupos de Desenvolvemento Rural, Organizacións Profesionais Agrarias, Cooperativas e Asociacións do medio rural; traballadores no ámbito do asesoramento a explotacións agrarias e a empresarios e/ou emprendedores do medio rural e Axentes de Desenvolvemento Local.

O seu obxectivo é ampliar os coñecementos de formadores e técnicos para que poidan apoiar aos agricultores e gandeiros no cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa comunitaria e española. Ademais proporciona formación metodolóxica aos participantes para aumentar a súa eficacia como asesores de explotacións agrarias e brinda información sobre a metodoloxía LEADER e  os novos enfoques do desenvolvemento Rural en España e na Unión Europea.

Programa do curso

Para iso, o programa de 100 horas on-line inclúe o manexo da plataforma web de apoio ao curso e o desenvolvemento de casos prácticos; a actualización de experiencias de desenvolvemento rural e local; os servizos de asesoramento e a PAC 2014-2020 e experiencias de interese no sector produtivo: agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario.

Tamén se exporán experiencias de interese no sector ambiental: auga, enerxía, biodiversidade, paisaxe e abordaranse diversos aspectos sobre a  innovación no medio rural e na nova PAC 2014-2020 ou como mellorar a comunicación con redes sociais. O curso complétase con experiencias de interese e casos prácticos

O Ministerio  dispón  dunha plataforma web de apoio ao curso con videoconferencias, documentación e foros de traballo.

Máis información na páxina Web do Ministerio: http://www.magrama.gob.es/es/desarrollo-rural/formacion/cursos/1planformacion2016-resolucionfirmada-logo-correccion17dic_tcm7-406543.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información