Curso gratuito da Xunta en Santa Comba para sacar o carnet de fitosanitarios

Curso gratuito da Xunta en Santa Comba para sacar o carnet de fitosanitarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico. A acción formativa impartirase no Edificio Multiusos de Santa Comba en horario de 15:30 a 20:00 horas dende este xoves 5 ata o vindeiro 12 de agosto.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

O curso -que contará cunha duración de 27 horas repartidas en seis xornadas de tarde- centrarase en que os agricultores consigan unha formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar e, á súa vez, en capacitalos para obter o carné de aplicador de nivel básico, necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.

Así, ao longo da acción formativa non só se tratarán os distintos produtos fitosanitarios e os métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, senón tamén os riscos derivados do seu uso tanto para o medio ambiente como para as persoas, xunto cos equipamentos e EPIs (Equipos de Protección Individual) axeitados para o seu emprego. Así mesmo, trataranse cuestións como as pragas dos cultivos e as técnicas adecuadas para o seu control, ademais de especificar produtos fitosanitarios ilegais.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico patricia.mendez.perez@xuntal.gal Tamén poden chamar ao número 881 997 483 para máis información.

A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información