Curso en Vimianzo sobre alternativas de xestión ao minifundio forestal

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira na Casa da Cultura de Vimianzo un curso sobre alternativas de xestión ao minifundio forestal. Impartida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a acción ten previsto celebrarse entre o mércores 29 de setembro e o sábado 9 de outubro en horario de mañá, cun total de 44 horas formativas distribuídas en sete xornadas.

O obxectivo da iniciativa é mostrar as posibilidades que ofrece o asociacionismo como solución ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais como poden ser os arandos, as mazás de sidra ou as castañas. Nesa liña, buscarase que os participantes adquiran os coñecementos técnicos e profesionais precisos para establecer algún destes aproveitamentos.

Así, o programa inclúe contidos sobre a situación do sector forestal en Galicia e sobre a xestión forestal conxunta, ademais de especificidades sobre os cultivos mencionados. En relación ao castiñeiro, falarase de tratamentos silvícolas e de canles de venda da castaña, ademais de facerse unha análise económica deste tipo de aproveitamento. No que se refire ás maceiras para sidra e aos arandos, tratarase a xestión destas plantacións e tamén os aspectos comerciais de interese. Nesa dirección, a formación concluirá cunha visita a unha produción forestal froiteira, para que os alumnos poidan comprobar en campo os coñecementos adquiridos.

Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Para asistir é preciso cubrir a ficha de inscripción, que se pode descargar na web de Medio Rural, e remitila cuberta ao enderezo electrónico ana.suarez.samaniego@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881997285.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información