Curso en Vimianzo de xestión integral de piñeiros

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dende este mércores 20 de outubro na Casa da Cultura de Vimianzo un curso sobre xestión integral de piñeiros. A iniciativa está previsto que se desenvolva deica o 5 de novembro, nun total de nove días con 40 horas de formación entre teoría e práctica.

O obxectivo é identificar os diferentes aproveitamentos complementarios da madeira de piñeiro, principalmente a resina, os cogomelos e o gando. Así, búscase dotar aos profesionais ou propietarios forestais das competencias referentes a estes aproveitamentos, achegándolles coñecementos e ferramentas relacionados como as técnicas de extracción de resina existentes ou a identificación de cogomelos e o seu establecemento a través da micorrización.

Así, a acción comezará cunha introdución sobre a situación do sector forestal en Galicia, para seguir falando do aproveitamento do piñeiro e dos modelos silvícolas, do aproveitamento resineiro nos piñeirais e dos métodos de extracción de resina. Posteriormente trataranse os sistemas silvopastorais e o aproveitamento micolóxico contemplando a produción, a recolección e a comercialización, así como a identificación de distintas especies de interese culinario.

Canto á parte práctica, o curso non só contará cunha visita guiada para ver en campo os diferentes aproveitamentos referidos senón tamén con prácticas específicas de extracción de resina, de micorrización ou de análise da viabilidade económica das opcións propostas.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Os interesados poderán dirixirse aos enderezos electrónicos informacion@foresin.es ou gdrcostadamorte@gdrcostadamorte.com, a onde deberán remitir cuberta a solicitude que atoparán no seguinte enlace: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Para consultar calquera dúbida, poden chamar a calquera dos seguintes teléfonos: 981717358 ou 680208320.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información